Alfonso Villares, sobre Cervo: "O concello mantén a esencia e xenética da vida pesqueira"

Cando recolleu a bandeira azul da praia do Torno o pasado 12 de xuño en Arteixo estaba ante o seu último acto como alcalde, pero non o sabía, porque Rueda pediulle ser conselleiro ao remate do mesmo. "Non o agardaba", recoñece. A cabalo entre San Cibrao e Santiago, agora dedica o 100% do seu tempo a "coñecer o sector", na oficina e a pé de porto.
Alfonso Villares. PEPE FERRÍN
photo_camera Alfonso Villares. PEPE FERRÍN

Dixo que a alcaldía de Cervo quedaba en boas mans con Dolores García. Aínda o chaman a diario para consultarlle cousas?
Entre o que máis valoro na vida e no traballo, público e privado, está a elaboración de equipos. En Cervo presentámonos ás eleccións cun equipo e asumimos desde o principio que nel todos eramos iguais, do primeiro ao último. O relevante é ter un proxecto ilusionante onde todos achegamos cousas. Así que nese equipo todos están máis que preparados para levar o Concello, coa alcaldesa á fronte. Eu evidentemente estou aquí para o que digan, a disposición completa deles. Así é como nos comportamos sempre.

Pero entón chámano ou non?
Esta remuda foi rápida e algo abrupta, así que claro que me chaman porque hai cousas que quedaron pendentes. Isto é o lóxico e entendo que durante un tempo seguro que seguirá sendo así.

A remuda foi rápida así que é lóxico que aínda me chamen do Concello, pero aquel equipo está máis que preparado

Din que un Concello é a mellor escola para un político. É certo?
Despois de 28 anos que levo nun, podo garantizar que si [ri].

José Manuel Balseiro foi voceiro no Parlamento, Antonio Basanta é secretario xeral de Pesca, e agora vostede conselleiro... Cervo é toda unha canteira de políticos da área pesqueira.
Cervo é un lugar onde a política sempre se viviu moito, quizais por episodios como a segregación de Burela e outras situacións que levantaron os ánimos dalgunha xente, xurdindo así certo espírito reivindicativo. Balseiro e Basanta foron e son compañeiros na lista que eu encabecei en Cervo, xente que nos gusta o que facemos e que no seu momento pensamos que podiamos achegar cousas boas ao noso pobo. E logo eles é certo que levan moitos anos vinculados ao mundo do mar, pero é que San Cibrao, neste caso Cervo, é un concello marítimo. E aínda que non teña hoxe a vida pesqueira de antano, sí se mantén a esencia e a xenética. Así que nun municipio onde se vive tanto a política e onde se vive tanto o mar, explícase que teñamos eses referentes traballando para o sector. Para nós é unha satisfacción.

Vostede será ademais a cota lucense no Goberno da Xunta.
Síntome cervense e lucense e polo tanto sento no Consello da Xunta con esa honra. É importantísimo o labor que se fixo desde o PP en toda a provincia, que en parte fai que eu hoxe poida estar aí.

Tivo que renunciar tamén á Fegamp logo de anos de vicepresidencia. Que balance fai?
Na Fegamp están todas as sensibilidades políticas dentro do municipalismo e alí comprobas que máis do 90% das cuestións únennos, fronte a pequenas diferenzas e matices. O que aprendes alí é a explorar todo o que nos une, a ver como alcaldes do PP, PSOE, BNG ou das mareas no seu día traballamos polo ben de todos.

Comentarios