Alcoa rexeita o plan industrial proposto polo Goberno e segue adiante co Ere

O Goberno presenta á empresa dúas propostas de continuidade para evitar os despedimentos 
Marcha nocturna por Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Marcha nocturna por Alcoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A multinacional americana Alcoa decidiu, tras a reunión multilateral celebrada na tarde deste martes, seguir adiante co Ere para 543 traballadores da súa planta de San Cibrao, a única de produción de aluminio primario que queda en España.

A dirección da metalúrxica, o Goberno, a Xunta e o comité de empresa mantiveron un encontro telemático que se saldou con ese resultado, segundo informaron a Efe as distintas fontes consultadas. 

Así as cousas, o vindeiro xoves, se nada o remedia, iniciarase o proceso de negociación para ese despedimento colectivo, ás 9.30 horas nun coñecido restaurante da cidade lucense.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo propuxo este martes un plan industrial a dez anos con dúas propostas de viabilidade que non convenceu á empresa.

Blanco: "Se Alcoa quere estaremos a axudar, e se Alcoa non quere, que venda a instalación e que deixe paso a outros"

O secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco, manifestou nesa mesa de traballo, segundo informa un comunicado, que "o de San Cibrao non é un fenómeno illado; vivímolo na Coruña e Avilés". Tras aludir á venda das factorías galega e asturiana que posuía Alcoa, indicou que todo "vén dunha estratexia corporativa do oligopolio dos produtores de aluminio, que xera as consecuencias que estamos a ver".

No encontro, chegou a expor un par de alternativas a ese expediente de emprego enmarcadas nun contrato bilateral con varias fontes enerxéticas e un prezo nun rango de 25 a 35 megawatts hora a partir dos instrumentos actualmente en curso e da entrada de socios. Blanco remarcou en todo caso que "o prezo da enerxía non é o problema" e que se pode facer un PPA, un contrato estable a longo prazo, coa vista posta no futuro, é dicir, en producir "hidróxeno verde e introducir un proceso de produción máis limpo e sostible".

O representante do ministerio expuxo que as tendencias nos van a favorecer porque nunha contorna de longo prazo ímonos a prezos máis baixos grazas á implantación das enerxías renovables". Comentou, así mesmo, que "hai xente disposta a entrar como socio industrial" e deixou caer que "se hai vontade, hai solución, pero depende da empresa".

Blanco si deixou claro que o ofertado "é incompatible con presentar un Ere pasadomañá". "Se Alcoa quere estaremos a axudar, e se Alcoa non quere, que venda a instalación e que deixe paso a outros", resolveu, para a continuación ver que o intento non resultaba exitoso. 

O comité convocou para este xoves, a partir das 12.00 horas, unha concentración de protesta ante a Subdelegación do Goberno

Blanco, así as cousas, asegurou que se se inicia ese Ere, "será a autoridade laboral, é dicir, a Xunta, a competente para xestionar o proceso. E espero que o conselleiro (Francisco Conde) sexa esixente coa empresa para defender os dereitos dos traballadores".

O complexo industrial de San Cibrao, asentado entre os municipios de Xove e Cervo, na Mariña occidental, está composto por unha fábrica de aluminio e unha planta de alúmina, que empregan a 633 e 510 persoas, respectivamente, e o seu peso na economía local é de tal envergadura que representa un terzo do produto interior bruto (PIB) da provincia de Lugo.

Alcoa comunicou a súa intención de iniciar o 25 de xuño un proceso formal —o informal quedou aberto o 28 de maio— de consultas para o despedimento colectivo nas súas instalacións de aluminio en San Cibrao (Lugo). A negociación durará un mes.

A factoría, informou a dirección nun comunicado, afronta unha serie de problemas que fixeron que a produción de aluminio primario sexa "ineficiente" e a operación da planta non resulte "competitiva", e que causaron "significativas perdas recorrentes, que se prevé que continúen".

Alcoa expón unha reestruturación da planta de aluminio que continuaría operando unha parte da fundición, mentres que a produción na refinería non se vería afectada o proceso. O comité convocou para este xoves, a partir das 12.00 horas, unha concentración de protesta ante a Subdelegación do Goberno, en Lugo.

Está prevista tamén para o domingo unha caravana de vehículos que partirá pola mañá de diferentes municipios mariñáns e desprazarase ata a capital lucense.

Comentarios