O alcalde de Cervo pide a todos os mariñáns que se mobilicen por Alcoa

Alfonso Villares chamou este viernes a un 'estado de alerta' e á mobilización para que o Goberno central modifique o proxecto de estatuto electrointensivo para que Alcoa siga sendo competitiva en San Cibrao
Alfonso Villares, alcalde de Cervo. SEBAS SENANDE
photo_camera Alfonso Villares, alcalde de Cervo. SEBAS SENANDE

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, pide a toda a veciñanza da Mariña que se poña en estado de alerta e se mobilice para que o goberno central redacte un estatuto electrointensivo que permita a Alcoa estar en igualdade de condicións coas súas empresas competidoras no resto de Europa.

Como indica o rexedor cervense "xa non se trata dun tema fundamentalmente de Alcoa, pois Alu Ibérica, a empresa que se fixo cargo das plantas de aluminio de A Coruña e Avilés ven de anunciar que cos prezos establecidos con este estatuto é absolutamente imposible producir aluminio".

Villares recorda que neste estatuto faltan en torno a 50 millóns de euros que antes viñan a parar á comarca da Mariña e agora repártense entre o resto de empresas, principalmente ubicadas no País Vasco e Cataluña, que ademais non son electrointensivas. Recalcou que "eses 50 millóns non son de Alcoa, son de todos os mariñáns, pois eses cartos repercuten directamente en todas as familias da comarca".

Engadeu ademais que "no momento que se perdan os postos de traballo que agora mesmo forman Alcoa e as súas auxiliares, non só se verán afectadas as familias, senón que directa e indirectamente o impacto negativo se vai estender ata o resto de empresas da comarca, administracións públicas e servizos”.

Comentarios