O alcalde de Cervo non perde a "esperanza" e agarda que se retomen as negociacións 

Villares advirte de que o peche de Alcoa suporía "unha catástrofe económica e social para toda a Mariña"
Alfonso Villares, alcalde de Cervo. AMA
photo_camera Alfonso Villares. AMA

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, non perdeu a "esperanza" no futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao, e en que se poidan retomar as conversacións tras a ruptura das negociacións para a venda á británica Liberty. 

"Prefiro seguir pensando que hai algunha esperanza a pesar desta ruptura unilateral por parte da multinacional americana de Alcoa", afeou. "Aínda que os prazos vencesen e mentres a Xunta e o goberno central están a facer presión a Alcoa para que siga falando desa venda ao novo que grupo que quere investir en San Ciprián". 

Villares advertiu de que está en risco unha "catástrofe económica e social para toda a Mariña", e defendeu que se a alternativa implica ese peche, "o goberno debería de intervir esta empresa", unha cuestión "que leva demandando o comité de empresa e todos os traballadores da fábrica". 

"Sobre todo pola multitude de postos de traballo que reporta e sobre todo nunha zona e nunha comarca en que non hai outra alternativa a esta empresa que é o motor económico que impulsa outros sectores da comarca da Mariña e da provincia de Lugo". 

O rexedor calculou que a empresa, entre alumina e aluminio, emprega a "unhas 1.100 persoas e en empresas auxiliares que traballan dentro da fábrica outros tantos". "Eu creo que polo ben da comarca, para que non se converta nun deserto, o goberno ten que facer algo e si non se produce a venda debería de intervir", incidiu. 

Comentarios