Alfonso Villares: "A reconstrución da Mariña comeza evitando o peche das cubas"

O alcalde de Cervo pídelles aos rexedores socialistas que intercedan pola comarca lucense
Alfonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Alfonso Villares. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, insta aos dirixentes mariñáns socialistas a que utilicen os seus encontros periódicos para solicitarlle ao Goberno central a aprobación urxente do estatuto de empresas hiperelectrointensivas, "polo que levamos agardando dous anos". Como vicepresidente da Fegamp, Villares tamén ten mostrado a súa preocupación pola modificación da Lei de Costas que pretende o Ministerio de Transición Ecolóxica e que podería prexudicar a moitas industrias e postos de traballo instalados no litoral, piscifactorías incluídas. Este mércores remata o período de alegacións a dito proxecto.

Villares di que "a verdadeira reconstrución da Mariña comeza evitando o peche das cubas de electrólise, e para iso é primordial que o Estado devolva eses 70 millóns de euros que viñan ano tras ano para a nosa bisbarra desde que a industria do aluminio comezou a operar cando era pública ou privada, fose o goberno dunha cor ou outra; sempre, ata agora, houbo unha axuda estatal que garantía o funcionamento das cubas, hoxe en serio risco de peche. Eses 70 millóns non son máis que o estatuto de empresas hiperelectrointesivas que levamos reclamado todos, capitaneados polo comité de empresa, desde o primeiro momento".

O alcalde de Cervo pídelles aos rexedores socialistas, que intercedan pola Mariña, "porque todos estamos desexando que chegue ese día no que a Ministra de Industria se achegue á nosa zona para darnos, por fin, boas novas: que as cubas seguirán operando, que a Comarca seguirá a producir aluminio primario e que está garantido o 100% do emprego"; subliña.

Comentarios