Alba Díaz Geada: "As mulleres tiñan moitas veces un papel protagonista nos motíns"

A historiadora mariñá, investigadora Ramón y Cajal no Campus Terra de Lugo, fala este sábado en San Cibrao de Mulleres en rebeldía: o motín de Cervo, 1892, unha revolta na que participaron moitas veciñas para protestar polo imposto de consumos, pois elas eran as que mellor coñecían o valor dos produtos de primeira necesidade
Alba Diaz Geada, historiadora natural de Foz.
photo_camera Alba Diaz Geada, historiadora natural de Foz. EP

A Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, a través da Rede Museística Provincial, leva ao Museo do Mar de San Cibrao un novo Encontro de Saberes Compartidos para dar visibilidade ás mulleres galegas na historia do país. Neste caso no encontro, este sábado ás cinco e media da tarde, estará a historiadora focega Alba Díaz Geada, que falará sobre o papel das mulleres nas revoltas do século XIX e en concreto do motín de Cervo do 23 de agosto de 1892, sobre o que se ten publicado que participaron unhas 300 veciñas.

Como eran estas revoltas? 
É un tipo de protesta popular que era frecuente naquela época e ademais non foi un feito illado porque se deron outros similares na propia contorna, no conxunto do país e do Estado neses anos. Facíanse en contra dunha fiscalidade que era particularmente abusiva para as clases máis empobrecidas. Non era infrecuente que houbese motíns polo imposto de consumos, que era un imposto que gravaba produtos de primeira  necesidade, uns impostos que sempre repercuten máis negativamente nas clases populares.

En concreto, que feitos se deron en Cervo ese día?
Houbo diferentes momentos no motín, algunhas revoltas previas, pero o 23 de agosto de 1892 o que se deu foi unha protesta popular moi numerosa polos indicios cos que contamos, na que participaron homes, mulleres e nenos, persoas de todas as idades, probablemente cun protagonismo particular para as mulleres. Este día apedreouse a casa consistorial, os principais representantes do poder local foron interpelados e destruíronse algúns documentos que tiñan que ver con ese tipo de fiscalidade. Posteriormente houbo que chamar á Garda Civil para que viñese poñer orde e tras varios días foise acougando a situación. Probablemente varias das persoas que participaron foron posteriormente sometidas a un proceso xudicial. Todo isto era bastante frecuente cando se daban este tipo de mobilizacións populares.

Esta é unha investigación en curso e pode que na charla algunha persoa achegue máis pistas

É máis coñecido o caso de Cervo porque se documentou máis ou ten unha relevancia especial? 
O caso de Cervo tivo unha dimensión notable e temos máis información que noutros casos, pero non foi un motín illado. Hai distintas maneiras de poder acceder a este tipo de procesos históricos e unha delas son as fontes hemerográficas, este tipo de documentación deixa rexistro de distintos motíns na Mariña pero do que temos máis información é do de Cervo, é do que se explica todo en maior detalle. Tamén tiven a oportunidade de pescudar nas fontes do arquivo municipal do Concello e dar con outro tipo de documentación local que permite
coñecer máis detalles do motín. Outra fonte moi valiosa é a xudicial, que tamén dá algunhas pistas. É unha investigación en curso, aínda non concluída.

Que se sabe do papel que tiñna as mulleres  nestes actos?
Polos estudos que se teñen feito ata o momento en relación ás revoltas populares, era moi frecuente a participación das mulleres e moitas veces tiñan mesmo un papel protagonista. Hai distintas maneiras de explicar isto, unha é que eran as que mellor coñecían o valor dos produtos e tiñan unha maior presenza do mercado. Non cabe dúbida de que tiñan unha participación moi activa. No caso de Cervo sabemos por fonte xudicial que houbo unha serie de mulleres que foron encausadas, cando menos iso indica que participaron. Hai quen di que o feito de ser muller te podía protexer de ser represaliada, pero hai casos que amosan o contrario, por agora non o sei.

Desde cando está a investigar sobre este tema?
A miña liña de estudo era a sociedade rural do século XX, nunca me fora ao século XIX, e traballando noutra investigación sobre o estudo dos procesos de desigualdade social falei cunha veciña que tiña unha memoria prodixiosa e acaboume levando máis alá, ata procesos que iban ata finais do século XIX, cousas que eu non coñecía de nada e foi aí como empecei a interesarme por mobilizacións do XIX coma esta. Investigo sobre o tema desde o 2020, pero antes empezaron outros historiadores. Unha vez falei con esta veciña vin que xa tiñan escrito sobre este motín Xosé Ramón Ermida e Xoán Ramón Fernández Pacios.

Que agarda deste encontro no propio municipio onde se produciu o motín?
O interesante desta actividade é que ao mellor pode darse que algunha persoa asistente recorde ou poida dar pistas para o propio proceso de investigación. A pesar de ser un feito que tivo lugar a finais do século XIX e a memoria é difícil que chegue tanto tempo atrás, ás veces hai persoas que gardan memoria do que outros lles contaron e pode ser que este tipo de encontros sexa frutíferos, cando se fan nun lugar moi involucrado porque houbo moitas mulleres de Lieiro que participaron no motín. 

Considera importante divulgar estes feitos?
Estes son uns encontros que promoven a Área de Cultura da Deputación e a Rede Museística Provincial e teñen moito valor porque se trata de promover espazos nos que haxa unha participación activa da comunidade e se xeren condicións para producir coñecemento doutra maneira. Creo que a Rede traballa moi ben estas cuestións de museoloxía social, de implicarse coa comunidade.

Comentarios