En compañía de animales

"Agora, se están sós moito tempo, estrañan á xente"

O viveirés Álex Quelle ten unha aguia de Harris dende hai 18 anos e un bufo de Virginia dende hai 16. A súa afección naceu hai vinte anos na feira medieval de Ribadavia, onde coñeceu a uns amigos que necesitaban xente para o desfile. Fixo exhibicións polas feiras ata hai cinco anos cando tivo que retirarse
Álex Quelle, cunha das súas rapaces nocturnas. J. M. ÁLVEZ
photo_camera Álex Quelle, cunha das súas rapaces nocturnas. J. M. ÁLVEZ

Alejandro Quelle, Álex, di que "os paxaros tamén se queiman, o último ano o bufo non voou. Acabamos a exhibición coas aguias de Harris en Pontedeume, tirouse no chan e meteuse nun bar a curiosear. Cando acabei, a xente miraba para el e ríase. Se están sós moito tempo estrañan á xente". Confesa que "o mundo das feiras acaba queimando, agora vou de turista cos nenos".

Na época dourada das feiras medievais, Álex chegou a ter entre oito e dez rapaces para as exhibicións, ás que tamén levaba os falcóns que lle deixaba un amigo da Coruña. "Teño voado a aguia en discotecas, feiras ou vodas, levou os aneis dende o coro ao altar na igrexa de Covas, e tamén din charlas de manexo na Facultade de Veterinaria de Lugo, no Rof Codina ou no instituto Monte Castelo de Burela".

As aguias e as aves nocturnas que nacen en catividade son criadas á man. Á súa criárona os pais. "Pedina así, tiraba ás mans e berraba coma unha ave salvaxe". Por iso "pasou por todo o proceso de desvelo, socialización, entrenamento coa corda e voo libre. Alfa foi a primeira que tiven e segue comigo. En catividade viven máis que en estado salvaxe, onde vivirían 15, e así chegan a 25 anos, e o bufo ata os 30".

Álex di que as montañas da Mariña non valen para ter falcóns, porque "o sinal de radio rebota nos cumes ou nos eólicos e póñense moi nerviosos". Indica que "as Harris son gregarias, cazan e crían en grupo en estado salvaxe. Se tes varios e fas un exercicio aprenden uns doutros, as nocturnas son máis difíciles á hora de voar en público".

O viveirés preparou instalacións na finca dos pais pero agora múdase e fai unhas novas. Na casa onde vive ten unhas desmontables de madeira. "Teñen que ter un pousadeiro alto e outro máis baixo, que lles dea para voar dun a outro. Paradas dá igual que estean nunha falcoeira ou nun pousadeiro amarradas. As rapaces voan para comer ou para aparearse, correr cansa e voar aínda cansa máis", explica.

As súas aves comen polo, coello, rata, cobaia ou pato que hai á venda conxelado. "O que non se lles pode dar son cousas que non comerían no seu ambiente natural, só animais de pelo e pluma. O bufo colle os ratos que entran na paxareira. É tontería poñelos a cazar presas vivas se non vas cazar con eles".

Comentarios