O afamado grupo Caxade actúa gratis o sábado na casa da cultura de San Cibrao

O Concello de Cervo e A Rebolaxe celebran as letras con xogos tradicionais, unha degustación e música na Praza dos Campos

Concerto de Caxade en Lugo. PEPE TEJERO
photo_camera Concerto de Caxade en Lugo. PEPE TEJERO

O Concello de Cervo preparou un variado programa de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas e un dos atractivos principais será o concerto gratuíto que ofrecerá Caxade este sábado ás oito da tarde no auditorio da casa da cultura de San Cibrao, promovido pola concellería de cultura que dirixe Dolores García Caramés.

Segundo lembran dende esta concellería, "Caxade é o proxecto persoal de Alonso Caxade, folk-pop dun arrecendo a música minimalista e sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo posmoderno e discurso reivindicativo, metafórico e irónico". A Caxade, que pon a voz e toca o acordeón, acompáñao a súa banda formada por Manu Paino, coa trompeta e o carrillón; Manu Espinho, que toca o bombardino, e Xosé Tunhas á batería.

O grupo nace no último trimestre do 2012 "como proxecto audiovisual transgresor" e en novembro do 2013 edita o seu primeiro traballo discográfico, A Dança dos Moscas, que no 2015 sairía á venda nunha versión en vivo gravada xunto coa Banda de Música da Bandeira. Do 2016 é o seu último traballo, Isto é amor, "a consolidación dun son e dunha voz que insufla aires pop na música tradicional galega", din dende o Concello, que convida a asistir a este concerto a todos os veciños.

Porén as actividades das Letras Galegas no concello de Cervo empezan hoxe mesmo cunha ampla programación para a tarde, a partir das seis e media na Praza dos Campos de San Cibrao, que organiza o colectivo A Rebolaxe en colaboración co ente local.

Para empezar haberá distintos xogos tradicionais de balde tanto para nenos como para xente adulta e ás sete e media entra en xogo a gastronomía xa que os asistentes poderán degustar racións de panceta, chourizos e salchichas.

Toda a tarde estará amenizada coa música do grupo local A Rebolaxe e da banda de baitas Dambara de Burela. Finalmente ás nove e media da noite o grupo de música tradicional Carapaus porá o broche de ouro cun concerto programado pola delegación de cultura.

O alcalde, Alfonso Villares, lembra que o Concello de Cervo "colabora sempre con medios humanos, materiais e coas infraestruturas necesarias, con todos eses grupos e asociacións locais que fan un traballo altruísta importantísimo para dinamizar o noso pobo coa gran cantidade de actos ao longo do ano dos que todos nos beneficiamos".

NARRACIÓN E DEBUXO. A delegación de cultura cervense convocou un certame de narración e debuxo infantil con motivo das Letras Galegas e onte deu a coñecer os nomes dos gañadores, que recibirán os seus premios o sábado antes do concerto de Caxade.

En narración na categoría de menores de 8 anos as gañadoras son Beatriz Penelo e Valeria Iglesias e na de maiores de 9 anos, Nuria Rey e Tania Vilar. No certame de debuxo Adrián Prado, Aleixo Fernández e Leire Arias son galardoados na categoría de ata 8 anos e Oliver Álvarez, na dos maiores de 9.

A concelleira de cultura lembra que o concurso estaba aberto a todos os nenos e nenas que quixeran presentar unha narración en galego ou un debuxo coas temáticas "como cambiou o conto" ou "como darlle a volta ao conto tradicional". Engade que "os traballos premiados nesta primeira fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, baixo o patrocinio da Consellería de Cultura".

Comentarios