Adrián Quintana irá e comerá gratis no Resu de por vida

Adrián Quintana, de 8 anos, gañou o concurso de Galipizza para gozar de entradas ao Resu e comida gratis para sempre ► Houbo un segundo galardón para un grupo de Sevilla

Adrián Quintana, caracterizado no videoclip no que versiona unha canción de Kiss. AMA (concurso Galipizza, Resurrection Fest)
photo_camera Adrián Quintana, caracterizado no videoclip no que versiona unha canción de Kiss. AMA

A cadea Galipizza xa ten gañadores para o concurso que convocou para celebrar os seus 25 anos e cuxo premio consistía en catro entradas para o Resurrection e comida en Galipizza de por vida nos días en que se celebra o festival. A peza audiovisual gañadora foi Eu quero ir ao Resurrection protagonizada por Adrián Quintana, un neno de 8 anos de Mera, en Ortigueira, que segundo traslada o seu pai, Vicente Quintana, "está feliz, coma unha estrela, recibindo as felicitacións de todo o mundo e pensando que vai ir poder ver a todos os grupos que veñan ao Resu". Eles dous, a súa nai e o seu padriño gozarán do premio xa a vindeira semana.

O pai explica que a Adrián "gústalle moito a música máis extrema" e vai ao Resurrection "dende que tiña seis anos". Relata que cando viron a convocatoria do concurso non o dubidaron e, aínda que non tiñan experiencia na montaxe de vídeos, a base de tutoriais foron aprendendo. "Cando empezamos non pensabamos que ía saír tan ben", recoñece Vicente Quintana, quen comenta que o vídeo que realizaron versiona a canción Rock and roll all nite de Kiss con letras en galego e centradas en Galipizza e o Resurrection. "A creación tiña que ter a esencia de Kiss, que estaba na canción; a do Resu, que tamén o vivimos, e a de Galipizza, que non é só un restaurante onde dan pizzas, senón que ten algo máis, un encanto distinto e queriamos meter eso no video tamén", explica.

O xerente de Galipizza, José Manuel Vázquez, Leman, recoñece que lle gustou moito "o xogo de palabras coa nosa empresa e que fora en galego, tamén me decantei polo feito de que sexa un neno ao que lle apaixona o rock e el mesmo toca a guitarra", di.

Leman apunta que practicamente houbo "un empate técnico" con outro dos vídeos presentados e por iso decidiron darlle o mesmo premio de entradas para catro persoas e comida en Galipizza, pero só para gozar nesta edición do festival. Neste caso os afortunados son Jacobo Ríos e os irmáns Latorre, de Sevilla, que fixeron Viveiro rock city, unha curtametraxe que versiona a película Detroit rock city.

Comentarios