Adrián Ben: "Se houbese pistas de atletismo na Mariña poderían facer deporte moitos máis nenos"

Adrián Ben apura os seus últimos días de vacacións en Viveiro. Logo de dúas semanas completas de descanso, en breve volverá a adestrar e a comezos da próxima semana regresará a Madrid para iniciar a preparación dunha temporada que se presenta ilusionante e esixente. Este venres será homenaxeado na Praza Maior de Viveiro.
Adrián Ben, en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Adrián Ben, en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

No tempo na casa recibiu o cariño e apoio dos seus familiares e amigos. Ademais de que os lectores de El Progreso o coroasen o venres como mellor deportista lucense e de facer os seus pinitos na televisión, aínda lle queda por diante a homenaxe o venres en Viveiro e o domingo fará o saque de honra en Cantarrana. 

Tiña ganas de que chegasen as vacacións? 
Si, bastantes. Aínda que me atopaba moi ben, foron 13 meses longos de tempada e o corpo necesita desconexión e descanso. 

Que lle pareceu todo o apoio que recibiu en Viveiro, na Mariña e no resto da provincia? 
Faime sentir moi contento porque é bonito que a túa xente estea pendente do que fas. 

Chegoulle a Doha a repercusión que tiña a súa actuación? 
Un pouco, a través do que me dicían meus pais, pero eu estaba ao que estaba e non era consciente. 

De onde lle vén ese sentimento tan profundo cara a Viveiro? 
Simplemente crieime e síntome de aquí, os meus amigos de toda a vida son de aquí e os meus pais e a miña irmá seguen vivindo en Viveiro, a onde regreso cando podo. 

Con todas as veces que se falou de Viveiro grazas a vostede, case se pode considerar un embaixador? 
Non sei se é para tanto. Eu síntome orgulloso de ser de Viveiro e xa está. Seguirei levando o seu nome por aí adiante con orgullo. 

Falando de Viveiro, en Lavandeiras faise un festival de música e agora tamén carreiras de cabalos. Cando veremos carreiras de atletismo? 
Ao paso que imos penso que nunca. Creo que non hai ganas de poñer as pistas e por iso non se van facer. Eu e calquera que se queira dedicar ao atletismo terá que correr polo paseo. Están moi ben as homenaxes e as pancartas, pero o que había proxectado en Celeiro parece que non se vai facer. 

Agora que ten a súa carreira enfocada, segue necesitando axudas?
Si, si, as axudas fan falta sempre. E estou aberto a recibir calquera axuda que me poidan dar desde o Concello porque agora mesmo recibo cero. Teño compañeiros aos que, por exemplo, os seus pobos lles axudan co aluguer dun piso para poder deixar a residencia da Blume. Xa digo, toda axuda ou colaboración é benvida e non hai problema para poñer unha pegatina na camiseta do Barça con calquera outro patrocinador. 

Estou aberto a recoller calquera tipo de axuda por parte do Concello, xa que agora mesmo recibo cero

Dúas das mellores actuacións do atletismo español en Doha correron a cargo de dous galegos, Ana Peleteiro e vostede, que proveñen de dúas vilas de tamaño medio. Demostra iso que son necesarias as pistas de atletismo nestas poboacións e non só en grandes cidades ou capitais? 
Non hai un campo de fútbol en cada pobo? En Viveiro de feito temos dous case pegados. Moita xente descoñece o bo que teñen unhas pistas porque o atletismo é un deporte no que hai 36 modalidades. Ti sabes a cantidade de nenos e nenas, ou mesmo xa rapaces e rapazas, que non fixeron deporte na vida e que poderían ver unha opción no atletismo. Nenos gordiños que podían ser uns lanzadores de peso fantásticos e encontrar aí unha motivación para facer deporte. Ou xente moi delgadiña, que ao mellor non se ve correndo, pero que si poderían dar uns saltadores de altura ou lonxitude incribles. Podes lanzar disco, xabalina, peso ou martelo e saltar para adiante, cunha pértega, etc. Algúns non pensan na diversidade deportiva que ofrecen unhas pistas de atletismo. 

Pero moitos dirán que sen instalacións tamén se pode chegar á elite, como fixo vostede. 
Claro, pero porque eu facía fondo e no fondo podes correr por aí, pero tamén tiña que ir á pista. O que pasa é que a xente a min víame correr polo paseo, pero non cando ía facer as series todas as semanas a Lugo. Se visitas un centro de alto rendemento e ves adestrar aos atletas, estou convencido de que volves dicindo que as pistas son máis que necesarias. 

Entón non ve unha loucura que se instalaran unhas na Mariña? 
Non, é necesario ao 100%. Non sabemos a gran cantidade de nenos e nenas que se estarán perdendo de facer deporte e de levar unha vida máis saudable. Paréceme un despropósito que nesta zona non teñamos unhas, pero se os que moven os cartos non teñen ganas, nós pouco podemos facer. 

Quedar sexto do mundo parece que non o cambiou. 
E por que ía cambiar? Correr máis ou menos non te fai mellor nin peor ca ninguén. É máis, nin ganei a carreira, fun sexto. Que che fai cambiar, que este ano ganache máis cartos? Moi ben, pero os cartos acábanse e o que vai quedar sempre é a xente que che axudou e te apoiou sempre. É o que valoro e por iso o agradezo. A algúns chamoulles a atención que me acordase da familia, os amigos e os meus antigos adestradores xusto despois da final. Está claro que tamén llo agradezo aos meus patrocinadores, pero hai outro momento para iso. 

O xesto que fai nas presentacións das probas tamén vai dirixido a alguén especial? 
Si, é un xesto para os amigos. Un día nunha milla dixeron que o fixera e xa quedou. É para dedicárllelo, xa que fan o esforzo de ver atletismo por min e aínda por riba a final fora en horario Champions (ri con dous amigos que o acompañan durante a entrevista). 

Tempada con Mundial en pista cuberta, Europeo ao aire libre e Xogos olímpicos. Asusta ou motiva? 
Motiva, pero agora estou máis centrado en desconectar. O obxectivo principal está claro que van ser os Xogos Olímpicos, aínda que non tivera a mínima para os 800 metros, pero teño claro que non hai que volverse tolo cambiando moito a preparación do ano. 

E a pregunta do millón. Vaise centrar nos 800 ou no 1.500? 
Son probas que se poden compaxinar, non é como facer lanzamento de peso e salto de lonxitude. Seguirei facendo 1.500, 800, 5.000, cross,… Non hai problema por iso, podo preparar as dúas. 

Non sei se vou preparar máis o 800 ou o 1.500, son compatibles e xa veremos como estou cando chegue xaneiro

Ter a mínima empúrrao a pensar máis no 800? 
Falareino como meu adestrador, pero ao mellor dentro de catro meses digo que me encontro máis cómodo co 800 e me apetece preparalo ou chega xaneiro e estou canso do 1500. E ao mellor alí el me di que é mellor que me centre no 800. Non é tan complexo. 

Sempre di que traballa para ser atleta con 27 anos. Como ve esta progresión? 
Eu traballo para ser atleta con esa idade, pero as cousas saen agora porque se traballa e se fan as cousas ben. A min gustaríame ser atleta con 27 anos porque logo créanse expectativas e hai que lidiar con elas. Por iso digo que hai que coidar á xente e non esixir, sobre todo cando somos novos. Temos xente que nos dan medallas como os da marcha e este ano esmagáronos porque en Doha non lle saíron as cousas, cando os máis doídos son eles mesmos porque se estiveron matando a adestrar durante moito tempo. 

Este sexto posto pode abrirlle portas como a Diamond League? 
Si, iso é o mellor de todo. Este ano quería facer unha boa marca para poder abrir portas e clasificarme por ránking para Tokio se non conseguía a mínima. Quedar no Mundial nunha posición competente fai que poidas optar a máis cousas a partir de agora.

Comentarios