Adrián Ben: cargando pilas entre familia, amigos e cromos

O atleta aproveitou as súas semanas de vacacións para descansar e regresar a Viveiro, onde recibiu o cariño da súa xente 
Ben posa diante dos Castelos coas súas novas zapatillas. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Ben posa diante dos Castelos coas súas novas zapatillas. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Coas pilas totalmente cargadas. Así marchou Adrián Ben de Viveiro a comezos desta semana con destino a Madrid, onde xa empezou o duro traballo de preparación para unha temporada na que volverá afrontar grandes retos.

Foron tres as semanas de asueto que tivo nesta ocasión o atleta viveirés, un tempo vacacional que pasou entre familia, amigos, visitas a Santiago ou a Menorca e algunha anécdota curiosa. "Botei uns días en Menorca cun grupo de amigos; tamén visitei Santiago, porque algúns estudan alí; e logo estiven pola casa gozando da familia. Foron tres semanas moi ben desfrutadas e que souberon incluso mellor ca de costume porque, ao ser unha temporada tan estresante polos Xogos, déronme unha semana máis do habitual", explica un Adrián Ben que mesmo sacou tempo para participar en varios actos de recoñecemento, como a recepción oficial no Concello ou o saque de honra nun partido do Club Deportivo Lugo, da Segunda División de fútbol.

Aínda que pola Mariña só botou unha semana e media, Ben tivo tempo de percibir a enorme repercusión que tiveron os seus últimos éxitos entre os seus veciños. Nos dous últimos anos, trala sexta praza no Mundial de Catar, en 2019, e a quinta nos Xogos Olímpicos deste verán, deixou de ser ‘o rapaz ese que corre polo paseo de Covas’, como se referían a el en Viveiro os que non estaban ao tanto da súa proxección e dos seus resultados en categorías inferiores, para converterse no atleta internacional que xa é unha referencia e un ídolo para moitos pequenos e pequenas da cidade.

Recoñecemento: "Moitísima xemte párame pola rúa para felicitarme, algo que me encanta e lle dá sentido a todo o esforzo", confesa 

"Moitísima xente párame pola rúa e felicítame polo de Tokio, algo que me encanta. Creo que por esas felicitacións e mostras de cariño paga a pena todo o esforzo de adestrar e os sacrificios que teño que facer durante o ano", asegura un Adrián Ben que chegou a asinar estas semanas nos soportes máis insospeitados: "Un día estaba nunha terraza da Praciña da Herba tomando algo cuns amigos e achegáronse uns nenos para que lles firmase nuns cromos de Pokemon. Iso é o que máis me mola. Algúns vente e daste conta de que lles dá vergonza pedir que lles asines, pero que che veñan pedir unha foto ou un autógrafo uns nenos é o que máis enche a un".

E non son só pícaros os que queren unha foto con el, senón tamén maiores. Moitos eran os mesmos que o empurraban mentres estaba correndo nos Xogos Olímpicos de Tokio. Adrián asegura que era consciente de todo o que se estaba montando en Viveiro e non só polo que lle comentaban os seus parentes e amigos. "Recibía moitísimas mensaxes. Xente que me escribía e que me dicía que merecía moitísimo estar alí. Todo iso sempre se nota e dáche un plus de forza. Creo que se notou na recta final das semifinais para conseguir poder entrar na final", rememora con emoción.

Ese día entrara nos últimos 100 metros da proba na séptima posición, pero conseguira remontar nun prodixioso final ata finalizar na cuarta praza, logrando pasar por tempos á carreira na que se xogaron as medallas.

ben 1

FILLO PREDILECTO. Adrián foi recibido oficialmente polo Concello o pasado sábado, pero aínda ten pendente o acto de nomeamento de Fillo Predilecto no teatro Pastor Díaz, algo que lle fai unha ilusión especial: "Para min é unha tremenda honra ser Fillo Predilecto dunha vila tan grande e marabillosa como é Viveiro. É unha ledicia enorme que se me valore polo meu traballo e polas cousas que fago con tanta paixón. Intento sempre facelo o mellor posible para que a xente o pase ben".

Na recepción xa deixou claro que o seu desexo é que se siga falando de Viveiro no panorama atlético internacional. "Hai moita xente que me pregunta por que me acordo sempre de Viveiro e unha das razóns é o apoio que sinto. En Tokio estaba a 12.000 quilómetros da miña casa, pero eu seguía sentindo esa calor tan especial da xente. O máis importante, antes que calquera medalla ou resultado, é ter á xente comigo e notala preto. Por iso simplemente estou aquí para darvos a todos as grazas de corazón", enfatizara nun salón de usos múltiples municipal que rompeu en aplausos.

Agradecemento: "Para min é unha tremenda honra ser Fillo Predilecto dunha cidade tan marabillosa como Viveiro", comenta Ben

Ben tamén pon da súa parte para que se produza este cariño especial da xente cara el, xa que, por exemplo, sempre se presta a participar en visitas a centros educativos. Foi o que fixo na súa última semana en Viveiro, onde visitou aos alumnos do María Sarmiento por petición dos que foron os seus profesores de Educación Física. Alí viron e comentaron a final, ao mesmo tempo que lles contou como viviu a súa participación nos Xogos de Tokio.

EXPERIENCIA ÚNICA. Desta temporada recén rematada quédase co sabor especial que lle deixou a cita deportiva máis importante do mundo. E non só polo resultado, que foi espectacular, senón tamén polas sensacións que lle deixou fóra da pista e do estadio de Tokio. "Foi unha experiencia marabillosa e inesquecible. Unha lástima que estivese o covid polo medio, pero a situación foi a que foi e intentamos gozar ao máximo dos Xogos. Outros deportistas, que xa foran a outros antes, contábanche as cousas que non se puideran facer nestes ou que cambiaran, pero penso que tamén tivemos a oportunidade de vivir uns Xogos especiais e que serán recordados por todo o que os rodeou. Tocoume ir a uns Xogos así e, dentro da situación na que estamos, que se puideran facer e saíran tan ben foi unha gran noticia", valora.

Unha das cousas mellores que se trouxo na súa maleta de Tokio foi o ambiente que se vive entre os deportistas na vila olímpica, compartindo instalacións con deportistas de tantísimo nivel e recoñecidos en todo o mundo. "Iso é unha pasada. Subir no ascensor con Pau Gasol ou deportistas tan importantes dá incluso un pouco de respecto", recoñece.

Do maior dos Gasol só pode dicir cousas boas. "Estivo todos os Xogos moi preocupado polos resultados dos deportistas españois e apoiando a todo o mundo. Capitán con maiúsculas", define. Aínda que di que puido compartir espazo con deportistas que son ídolos para el, non se trouxo ningunha foto especial. "A verdade é que non me gusta molestar aos outros deportistas e máis cando estamos no medio dunha competición tan importante", apunta. Recoñece que estar nos próximos Xogos Olímpicos, que se celebrarán no 2024 en París, é outro bo estímulo para adestrar todos os días. "O feito de poder volver vivir desde dentro uns Xogos Olímpicos é unha motivación enorme. Ademais, esta vez só faltan tres anos, así que haberá que seguir adestrando moi duro", confesa.

Anécdota: "Un día estaba nunha terraza e viñeron uns nenos para que lles asinase nuns cromos de Pokemon", cuenta el atleta 

NOVOS RETOS. Aínda que a pretemporada non fixo máis que comezar, na cabeza de Adrián Ben xa roldaba nos seus últimos días de vacacións en Viveiro o que afrontará o vindeiro ano. Será unha temporada cargada de retos, xa que a pandemia obrigou a aprazar un ano os Xogos Olímpoicos e isto provocou que pasase o mesmo co Mudial de Eugene, en Estados Unidos, así que esta última proba coincidirá o próximo verán cos Europeos de Munich, en Alemaña.

"Veremos a ver que se pode facer. O que teño claro é que vou seguir traballando duro para intentar estar conseguir os resultados e poder estar nas dúas citas", comenta. Ten claro que poder render nos dous eventos vai estar moi complicado, xa que só haberá un mes entre a celebración de ambos. "Ter os picos de forma nas dúas competicións é difícil, pero intentaríamolo facer o mellor posible. De todos modos, paso a paso. Primeiro hai que facer unha boa preparación, conseguir a clasificación e logo ir alí", anticipa.

Adrián Ben ten claro que conseguir praza para o Europeo e o Mundial vai estar tan ou máis caro do que estivo para os Xogos Olímpicos. O nivel é altísimo e agora xa non é un descoñecido, así que no seu caso xa non conta co factor sorpresa. 

En curto
Logros

Dúas finais mundiais A súa sexta praza no Mundial de Catar, en 2019, e a quinta nos Xogos Olímpicos deste verán catapultaron a Adrián Ben ao nivel de converterse nunha das realidades máis importantes do atletismo español, xunto a outras figuras como a tamén galega Ana Peleteiro. Ademais, para moitos viveireses que non estaban ao tanto dos seus éxitos en categorías inferiores, deixou de ser aquel rapaz que corría polo paseo de Viveiro para pasar a converterse nun ídolo para os máis novos da cidade do Landro.

Experiencia

Cumpriu os 23 anos xusto o día no que corría por un metal olímpico Ben tivo este ano a oportunidade de vivir unha experiencia única, a de participar nuns Xogos Olímpicos. Ademais, fíxoo completando un grandísimo papel e puido soprar as candeas do seu vixésimo terceiro aniversario o mesmo día no que competía na gran final dos 800 metros libres de atletismo. Quedou a pouco máis de medio segundo de celebrar a efeméride desde o podio e a só nove décimas de facelo desde o máis alto.

Futuro

A vindeira temporada xuntaranse o Mundial de Estados Unidos e o Europeo de Alemaña Aínda que a pretemporada non fixo máis que arrincar, o atleta viveirés é consciente de que ten por diante outra campaña esixente, xa que se celebrarán en tan só un mes o Mundial de Eugente, en Estados Unidos, e o Europeo de Múnic.

Comentarios