viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Adeus a un referente burelao

Xornadas de teatro de 1988 organizadas polo colectivo. AMA
Xornadas de teatro de 1988 organizadas polo colectivo. AMA

O Colectivo Cultural Buril desaparece tras 36 anos ao servizo da cultural local e do idioma galego. Donou os seu fondos documentais ao Concello e os cartos a diversas entidades sociais

Non deixa de doer por esperado que fose, pero a desaparición do Colectivo Cultural Buril, de Burela, deixa orfa unha xeración que empeñou as ganas e as forzas que dá a xuventude en prol dun proxecto no que se buscaba "a defensa e posta en valor do idioma e da cultura galega", segundo recollían os seus estatutos.

Un colectivo que viu a luz en novembro de 1983 e que rematou a súa andaina en maio deste ano, 36 anos despois, coas súas luces e sombras, pero co orgullo de ter feito moito pola localidade a as súas xentes. Agora, os seus fondos documentais pasarán a estar custodiados polo Concello, tras aceptar a cesión dun patrimonio escrito e visual que resulta imprescindible para o estudo da historia local e mesmo do asociacionismo.

A partida económica coa que contaba Buril entregouse, previa consulta aos seus socios en asemblea, como todo o que facía o colectivo, a diversas entidades de carácter social que desenvolven a súa actividade en Burela, como son Camiña, Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e Afan, recorda Rosana Valle Yáñez, a derradeira presidenta do colectivo.

Rosana Valle: "Sempre dá pena que non houbese un relevo á fronte da xunta rexedora, pero intentouse durante moito tempo"

Rosana Valle, que aínda non nacera cando se constituiu o Buril, ten varios recordos do colectivo, como o Enterro da Sardiña que pechaba o Entroido, pois "saía do Campón, onde vivo, e víano dende nena", recorda sobre unha actividade que naceu da asociación e que apostou pola recuperación de actividades propias desta festa de outrora, como 'Corre a auga' nos barrios de Vila do Medio e na 'Calle do Can'.

Uns actos que datan da primeira das tres etapas en que o propio colectivo divide a súa vida e que se extende, aproximadamente dende 1984 a 1998. Unha etapa na que destaca como actividade máis relevante a publicación da revista O Trasno, o altofalante da entidade e todo un referente do que acontecía na vila. "Se o fixéramos agora tería que ser en formato dixital", conta o primeiro presidente da entidade, Emilio González Legaspi, quen recorda os inicios dun colectivo que foi novidoso en varios aspectos. "O primeiro a multiculturalidade", conta, pois apostaron por un formato máis aló do folclore, "con cinefórum ou xornadas de teatro", pero tamén rompeu moldes en canto a organización pois "nos propios estatutos xa quedaba reflectido que e o presidente elixíase por un ano e só podía repetir un mandato", conta Legaspi.

Emilio González Legaspi: "Dáme moita mágoa que termine porque é tamén a desaparición da cultura dun pobo e da súa identidade como país"

A segunda etapa da formación, que se sitúa de 1999 a 2008, caracterízase polo traballo de recuperación da historia local, unha escolma de imaxes que conformaron o arquivo gráfico e deron lugar á exposición e o libro 'Burela na memoria' e tamén ó documental 'O Entroido na memoria'. No tocante á mocidade, figuran eventos como o Pataka Rock e o Festival Pataca.

A derradeira etapa termina tres anos antes da súa disolución, pois dende 2016 hai un cese indefinido da actividade, pero foron uns anos marcados polas actividades vinculadas á lingua, con propostas como conferencias, debates ou presentacións de libros, das que quedará sobre todo na memoria o Maratón de Lectura e a potenciación das pinturas de Vila do Medio ou as xornadas de historia local.

Adeus a un referente burelao
Comentarios