Nadal en Xove: consulta todos o actos para desfrutar xuntos nenos e familias

O programa combina propostas tradicionais, como os xogos e o karaoke, con novidades de musicais e teatro de sombras
Dolores Meitín e Demetrio Salgueiro co programa de Nadal. EP
photo_camera Dolores Meitín e Demetrio Salgueiro co programa de Nadal. EP

O Concello de Xove conta durante todo o ano cunha ampla e diversa programación cultural, que se converte en especial cando chegan estas datas, xa que tamén o é o público maioritario á que vai dirixida, os nenos. E non só os do municipio, senón tamén os que se achegan doutros concellos da contorna e os que residen fóra e veñen pasar as festas coas súas familias "e a verdade é que sempre temos unha gran resposta", agradece a concelleira de Cultura, Dolores Meitín, encargada de preparar o programa desta época.

Unha responsabilidade que acarrea un importante esforzo, tamén económico, por parte do Concello que dirixe Demetrio Salgueiro, pero que se ve rapidamente compensado "cando ves esas cariñas cheas de maxia e ilusión dos máis pequenos. Unha imaxe que fai que todos os esforzos merezan a pena", recoñece a edil.

Son diversas as actividades que se levan a cabo nestas festas, "nas que intentamos facer unha programación variada que chegue a todo tipo de público, en especial aos nenos, pero tamén para que as familias poidan sacar tempo neste Nadal para pasalo xuntos e poidan ir ao teatro, concertos…".

De feito, a proposta xovense é que practicamente cada día das vacacións escolares haxa algo, aínda que o pistoletazo de saída darase antes, xa na tarde do día 20, cunha actividade moi especial: o lanzamento de pós ‘holi’ co que encherán de cor o pavillón. "É o segundo ano que o facemos porque gustou tanto que apostamos por repetir e pedimos que veñan coas gafas de piscina para protexer os ollos", sinala a edil.

Visita á residencia

O teatro de Aspanane o xoves 21 —actuarán tamén o 26 con outra obra— dará paso a un dos días máis especiais da programación, a chegada, o 22, de Papá Noel ao pavillón, onde se vai preparar unha gran festa con música a cargo dun DJ infantil e chocolatada. "É, dende logo, un dos actos máis entrañables, pois é unha das visitas máis agardadas polos nenos e, como ocorre cos Reis Magos, sempre fan primeiro unha parada na residencia, que tamén é algo moi especial e emocionante", asevera Meitín. A concelleira recorda que ata o día 29 está aberto o prazo para que se anoten os nenos e maiores que estén interesados en participar na cabalgata do día 5, con animación infantil posterior con discoteca móbil.

A estas actividades, que non poden faltar na programación, súmanse outras xa clásicas que teñen moito tirón, como o concerto da Orquestra Clásica de Xove, o karaoke ou o fin de ano infantil, pero tamén novas propostas, como é o teatro de sombras con música en directo que poderá verse o xoves 28, ás sete da tarde.

O mércores 3 terá lugar o musical Cantabaila, outro dos espectáculos cos que se innova este ano e que se completa con un torneo de xogos de mesa o vindeiro sábado 23 e o Día da Infancia o 4 de xaneiro, con xogos acuáticos na piscina e, en paralelo, inchables no pavillón. "Esta é unha actividade xa consolidada, como é o caso do karaoke que leva dez anos facéndose e que ten moito éxito, tamén  entre os nenos, e xa sabemos dalgúns que están a preparar o espectáculo, ata con coreografía", engade a concelleira, quen destaca "o enorme traballo que se fai dende a escola de música, que sempre nos deleita cun magnífico concerto xunto coa Orquesta Clásica que temos no noso concello". Un número musical que se completará cunha actuación da escola de corda do conservatorio de Viveiro o sábado 30, ás seis.

Unha mención especial merece a festa que terá lugar ao día seguinte, o fin de ano para os nenos. "É unha cita moi favorable para a conciliación, pero é tamén especial para os nenos, que se poñen todos guapos. Ás nenas adoitamos poñerlles algo de ‘brilli brilli’ na cara e no pelo e aos nenos facémoslles lazos para as camisas e ao mediodía tomamos as uvas, ou Pelotazos para os que non lles gustan", conta Dolores Meitín.

A edil non se esquece de agradecer a todos os voluntarios e as asociacións que axudan a que o programa sexa unha realidade, pero tamén aos operarios municipais "que teñen nestes días moito máis apuro". Anima aos veciños da Mariña a participar das actividades e, ao tempo, desfrutar do alumeamento de Nadal, coa árbore na praza do centro cívico e o nacemento no parque como reclamos, e coa opción de parar no comercio e na hostalería local.

Comentarios