sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

O activismo de Juan López Rico salva o medio ambiente mediante sorrisos

O ribadense Juan López Rico presentando ‘¡Houston!, tenéis un problema’. MIGUEL MIRAMONTES
O ribadense Juan López Rico presentando ‘¡Houston!, tenéis un problema’. MIGUEL MIRAMONTES
O debuxante de Ribadeo chega a 'Viñetas desde o Atlántico' para presentar o seu primeiro libro, '¡Houston!, tenéis un problema'

Toni Morrison morreu a comezos desta semana e dela pódese rescatar aquel consello de non escribir ata os 40 anos, por aquelo de ter experiencia na vida. Juan López Rico (Ribadeo, 1955) foi xornalista, aínda que agora xa está xubilado, e chegou a 'Viñetas desde o Atlántico' no que moitos chamarían unha recta final para falar sobre '¡Houston, tenéis un problema!', o seu primeiro libro en solitario. "Nin eu mesmo agardaba chegar tan cedo a un escaparate tan grande", comentou.

Desde moi novo sentiu interese polo debuxo, algo que lle durou ata os seus estudos en Madrid e que pervive xunto a el dende sempre. Cando comezou a pensar na xubilación soubo que "mirar para obras" non era o seu, polo que no 2005 decidiu "facer unha viñeta ó día", da que primeiro pensaba a frase e logo engadía o deseño.

Con humor o activismo chega a máis xente. Se consigo sacar un sorriso da protesta, mellor

Ao final dese mesmo ano tiña máis de 365 debuxos cun humor palpable sobre problemas sociais, entre os que destaca o medio ambiente. '¡Houston, tenéis un problema' é unha mostra da súa preocupación polo cambio climático, "o maior problema actual do ser humano", feita dende o humor, aínda que nesta ocasión "non só hai que facer rir, tamén tomar conciencia".

López Rico é profesor de aikido dende os anos 80, unha arte marcial que utiliza a forza do inimigo no seu beneficio. Este estilo de loita derivou no uso do humor como forma de introducir o activismo ecoloxista na xente, non reducirse a dicir "a cousa vai mal, senón preguntarse que podo facer eu". Entre os debuxos deste primeiro libro —renovados nalgún caso porque a "destreza é produto da práctica"— atópanse fortes referencias a Galicia con aparicións de incendios forestais ou de Ence.

Este humor, "que tamén se utiliza noutros ámbitos e estilos", ten a capacidade para que o activismo ecoloxista chegue máis lonxe e así tratar de contrarrestar "o futuro desastre ambiental que xa existe hoxe" —nun momento no que Groenlandia se derrite e o clima anda do revés—. López Rico seguiu o consello de Toni Morrison, mesmo un pouco máis aló dos 40 anos. Esperou ata ter pouso, ata que o seu humor fose activismo, sempre buscando "sacar un sorriso coa protesta, que é o mellor".

O activismo de Juan López Rico salva o medio ambiente mediante...
Comentarios