Activada a alerta laranxa este domingo na costa lucense

A Mariña podería sufrir refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora

Dous mercantes navegan fronte á costa da Mariña un día de temporal.  AEP
photo_camera Dos mercantes navegan frente a la costa de A Mariña un día de temporal. AEP

A Xunta de Galicia activou a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Lugo a partir da madrugada deste domingo, e por vento na zona da Mariña lucense por refachos que poderían alcanzar os 100 quilómetros por hora. 

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteorologíca (Aemet), nas primeiras horas da madrugada espérase mar combinada do oeste con ondas de entre 5 e 6 metros de altura, no oeste e no suroeste da provincia da Coruña. 

Na costa da provincia de Lugo e no noroeste da provincia coruñesa espérase mar combinada do oeste con ondas de 6 metros e vento do oeste e de forza 7. 

Ademais, actívase tamén a alerta laranxa por vento na Mariña lucense que dará comezo no mediodía do domingo, con refachos que poden alcanzar aos 100 quilómetros por hora. 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompientes ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. 

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese. 

Comentarios