A esencia do ancestral

Campo do Oso inaugura o vindeiro domingo a tempada de rapas das bestas na provincia de Lugo

aaaaa
photo_camera Bestas no curro de Campo do Oso, en Mondoñedo. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AMA)

Coa chegada do bo tempo chega tamén o momento de preparar aos animais do monte para afrontar o verán. Así, empeza a tempada das rapas das bestas, que na provincia de Lugo arranca coa do Campo do Oso, en Mondoñedo que se celebra o vindeiro domingo seguindo a tradición de celebrarse o último domingo do mes de xuño.

A comunidade de montes de Santa María Maior, onde tres familias manteñen bestas no monte durante todo o ano, conserva viva esta tradición que, polo momento, se sigue facendo como dende hai séculos. O programa desta edición empeza ás dez e media da mañá cando os xinetes partirán ao monte na busca das bestas que baixarán ao curro e que acostuman sumar varios centos delas. Esta baixada é unha das características desta cita, porque segundo explica Miguel García, «pódense ver as bestas baixar dende a montaña é iso é algo único e indescriptible, que caracteriza a nosa rapa».

Unha vez dentro do curro, os aloitadores empezarán coas labores de rapado e marcado dos animais, que cada ano son seguidas por ducias de persoas que se sitúan arredor do curro para non perderse esta loita entre o home e o animal. Ao igual que pasa no resto de rapas, en Mondoñedo tampouco haberá pelexa de garañóns, porque a lei de benestar animal tipifica como infracción moi grave o uso de animais en loita. «Xa hai dúas edicións que non se fai a pelexa e agora xa nos están avisando de que imos ter que deixar de facer o marcado das bestas co ferro ardendo, así que haberá que reiventar a rapa», recoñece García, que explica que as prohibicións «están acabando coa esencia dos curros», polo que en Mondoñedo xa están pensando en darlle novos aires na edición de 2020.

O aspecto máis lúdico da cita, que arrancará cando os cabalos xa volvan a desfrutar da liberdade, está do lado da música e da gastronomía. Para as dúas da tarde está prevista a sesión vermú, a continuación da cal haberá un xantar popular e dende as cinco da tarde baile co dúo Elixir. Tamén haberá degustación de carne de poldro de xeito gratuito.

Comentarios