PUBLIRREPORTAJE

47 nenos e nenas acoden á escola infantil municipal de Barreiros

Oito persoas traballan neste centro con cociña propia e nutricionista

Instalacións da escola infantil municipal de Barreiros. EP
photo_camera Instalacións da escola infantil municipal de Barreiros. EP

HAI 12 ANOS que botou a andar a escola infantil municipal de Barreiros O Bítere, que na actualidade conta con 47 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. Corenta deles acoden ao centro educativo en horario de mañá e sete fano pola tarde. 

O horario da instalación é de luns a venres de oito da mañá a oito da tarde, de xeito continuo, e nos meses de xullo e agosto "co fin de seguir facilitando a conciliación laboral e familiar durante o verán abre de oito da mañá a seis da tarde", segundo explica o alcalde, Alfonso Fuente Parga.

O máximo de horas de permanencia dos cativos e cativas na escola infantil municipal de Barreiros é de oito e a media xornada é de cinco. "Hai quen ten xornada partida no seus traballos e tamén aquí existe esa posibilidade. Temos pais e nais que traen aos seus fillos e fillas catro horas pola mañá, lévanos xantar á casa e volven traelos pola tarde para aquí", explican as educadoras.

Escola infantil municipal de Barreiros. EP

Na escola infantil municipal de Barreiros traballan dúas mestras, catro técnicas, unha auxiliar e unha cociñeira. "A comida faise na cociña do centro e os menús que se ofrecen están controlados por unha nutricionista", subliña Fuente Parga.

A escola conta con tres aulas, baños, cociña, unha sala mulitusos e ampla zona cuberta de xogos. As aulas están divididas por idades, para nenos e nenas de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a tres. 

As monitoras contan que "intentamos facer unha rutina con eles pola mañá. Cos máis pequenos é máis complicado, pero cos maiores tratamos de facelo cos hábitos de hixiene e de alimentación. Tamén imos poñéndolles cancións e contándolles contos, tratamos de involucralos na pintura, aínda que non paran moito. Os máis grandes teñen unha unidade didáctica de libros, pero o que predomina sempre é o xogo".