O 25 de novembro non será un día calquera

O covid non frea a loita contra a violencia machista ▶ O 25-N de novo haberá unha morea de actos para denunciar esta lacra social. Serán todos coas restricións habituais pero coas mesmas gañas de sempre de loitar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López (dereita), coa concelleira Mercedes Dengra. EP
photo_camera A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López (dereita), coa concelleira Mercedes Dengra. EP

A chegada do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres o vindeiro mércores 25 de novembro fai que vaian agromando máis e máis iniciativas ao longo de toda a bisbarra mariñá.

O Concello de Viveiro adheriuse un ano máis á campaña En negro contra as violencias e ten programadas diferentes actividades para concienciar á veciñanza e dar visibilidade á loita contra a violencia machista. "Este ano máis que nunca queremos sumarnos a esta campaña, xa que a violencia de xénero segue aí e incluso producíronse máis situacións e casos preocupantes polo confinamento derivado da pandemia", asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Entre os actos destaca a concentración silenciosa En Negro do próximo 25 de novembro ao mediodía na Praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.

VIVEIROAdemais, o Concello asinou a súa adhesión á rede estatal de Bibliotecas en Igualdade, que pretende recuperar e visibilizar o coñecemento de autoría feminina, saldando desta maneira unha débeda coas mulleres creadoras da historia. No acto de sinatura participaron a concelleira de Cultura e Muller de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, a secretaria xeral da Asociación Clásicas e Modernas, Marina Gilabert Aguilar, que asinou desde Valencia, e a coordinadora da asociación e do proxecto Bibliotecas en Igualdade en Galicia, Mariana Fernández Pérez.

O Concello inaugurou tamén na biblioteca un vinilo cunha creación do artista local e xa internacional David Catá. "É unha obra que leva como slogan De igual a igual e que responde a unha nova iniciativa máis ampla, que se chamará Viveiro de igual a igual, para traballar en prol de alcanzar a igualdade en todos os aspectos do día a día dos nosos veciños e veciñas; esta acción comeza con converter a nosa biblioteca nun espazo divulgativo igualitario", explica Lara Fernández.

BARREIROS. En Barreiros o Concello vén de anunciar que se suma neste 2020, e por segundo ano consecutivo, á campaña En Negro Contra as Violencias. A edil de igualdade, Montse Porteiro, sinala que se enviou unha misiva ás empresas e entidades colaboradoras no 2019 para ofrecerlles asesoramento, material e cartelería sobre a campaña. A concelleira apunta que "as entidades, a veciñanza, e todo aquel que queira participar na campaña, pode poñerse en contacto co Concello no teléfono 982.12.40.02 onde se lles informará dos pasos a seguir".

barreirosAdemais, están a idear diferentes actos. Lerase un manifesto a mediodía fronte ao consistorio.

Montse Porteiro reflicte a necesidade de "comezar desde as idades máis temperás a inculcar condutas baseadas na tolerancia, na diversidade e no respecto a todas as persoas, desbotando da sociedade estereotipos patriarcais que impiden avanzar na igualdade real entre homes e mulleres". Dende o Concello de Barreiros animan a participar nos actos.

LOURENZÁ. A Praza do Conde Santo, en Vilanova de Lourenzá, acollerá un acto da campaña En Negro Contra as Violencias o vindeiro mércores ás doce do mediodía. As actividades foron presentadas pola alcaldesa, Rocío López, e a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra. A rexedora anunciou que repiten iniciativa e ao longo de toda a semana a pancarta En Negro pendurará no balcón da casa consistorial.

OBSERVATORIO. O Observatorio da Mariña pola Igualdade presentará o martes 24 o seu vídeo testemuñal Elas Tamén Contan: voces de mulleres no rural, que é un traballo elaborado dentro da campaña de sensibilización sobre as violencias machistas no ámbito rural. Tras a visualización do vídeo haberá unha conversa coas mulleres protagonistas. A presentación será ás sete da tarde no Lugar das Marías, na Regueira, en Xove. A visualización deste traballo farase tamén polo 25-N ás doce do mediodía na casa da cultura de Trabada.

Así mesmo, dende a plataforma informan da presentación do libro Árbores que non arden, unha obra do Proxecto Batefogo elaborada por varias autoras sobre o papel das mulleres na prevención dos incendios forestais. A presentación contará coa presenza de Miguel Pardellas, coordinador deste proxecto conxunto, e terá lugar o xoves 26 de novembro ás sete no Casino de Mondoñedo.

Para o venres 27, o Observatorio ten preparada a presentación de Madialeva, un relato gráfico sobre a realidade da muller no rural feito por Ana María Fernández Moreiras. Será ás sete da tarde nas escolas vellas de Cervo. 

Comentarios