Domingo. 22.07.2018 |
El tiempo
Domingo. 22.07.2018
El tiempo

"No Resu temos 30 minutos e é como un escaparate para amosar o mellor de nós"

A formación actual de Barbarian Prophecies. EP
A formación actual de Barbarian Prophecies. EP

Os veteranos do death metal Barbarian Prophecies forman a única banda luguesa entre o centenar de grupos do festival viveirés

"A Viveiro ías ao San Roque ou ao Naseiro. Era inimaxinable hai poucos anos que podería haber un festival das dimensións que hoxe ten o Resu". Quen fala é Óscar Balseiro, un dos guitarristas de Barbarian Prohecies, veterana banda luguesa de death metal que será o único grupo da provincia entre o cento de nomes que subirán a algún dos catro escenarios do Resurrection Fest de Viveiro ata o sábado.

Balseiro e os seus compañeiros de filas en Barbarian Prophecies, que viron nacer o festival e que xa tocaron outra vez, en 2013, a través do concurso, consideran unha fortuna que conten con eles. "En certa medida sabemos que estamos aí pola cota local", chancea, e incide en que festivais de dimensións mesmo inferiores ás do Resu "adoitan tirar de bandas da segunda ou terceira división para completar o cartel e non teñen en conta nomes de proximidade".

Para este músico que leva case que dúas décadas na escena metaleira luguesa e galega, esa "porta aberta" é un incentivo. O ano pasado estiveron as Bala, a banda integrada pola luguesa Violeta Mosquera e a burelá Ánxela Baltar, e nesa edición tamén poñen, entre outros, o toque galego os coruñeses Bloodhunter, liderados por Diva Satánica, o alter ego da cantante chairega Rocío Vázquez.

Óscar Balseiro indica que, no caso de Barbarian, talvez pesen os tempos nos que coincidían no circuíto de locais de Galicia os metaleiros lugueses e Twenty Fighters, a banda punk dalgúns dos organizadores do Resurrection Fest.

A responsabilidade de ser os únicos lugueses condiciona e o local de ensaio é o lugar onde aplicarse. "Nun festival destas características os grupos pequenos, coma nós, temos só 30 ou 40 minutos como moitísimo. Nese tempo ten que ir todo "pranchado". É como unha carreira. Un exame. Hai que escoller moi ben o set list. A duración dos temas. Levar ben preparadas as guías da batería. Todo vai moi rápido e tes que facelo o mellor que podes. Estás dándoo todo. É como un escaparate no que amosas o mellor que tes".

Óscar Balseiro admite que si, que é un día de "achuchón", pero compensa. Con creces.

Para eles é unha data especial porque este mesmo ano publicaron Origin, o seu cuarto álbum de longa duración, gravado por Iván Ferro en Kollapse Studios e masterizado en Fascination Street Studios por Jens Bogren. "Esta funcionando ben; de cara ao outono, que sairá o vinilo, comezaremos a tocar o disco completo".

Barbarian Prophecies actuarán ás 16.00 horas deste venres no Ritual Stage. É unha hora un pouco complicada, "pero podería ser peor", matiza Balseiro, quen sinala que o Resurrection é un festival ao que acoden persoas de moi diferentes idades. "Hai fans do hardcore de 50 ou 60 anos, que xa van aos festivais distinto a como vas cando tes 18 ou 20 anos, planifican que queren ver, dormen....", chancea o guitarrista.

"A organización lévanos a un hotel a noite que tocamos, que é un detalle. Despois xa te apañas no cámping, no coche... A min gústame o ambiente das áreas de acampada, coñecer xente. A verdade é que é un luxo que isto se poida facer en Viveiro e que saia así de ben. Noutros sitios cobraríanche ata pola sombra".

E unha recomendación para non perder neste Resu 2018. Óscar Balseiro teno claro, ademais dos grandes nomes, Wolfbrigade, unha banda sueca de crust punk.

"No Resu temos 30 minutos e é como un escaparate para amosar o...