Poesía

Xurxo Alonso e Mariña Maceira gañan o II Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Iria Collazo e Sandra Rodríguez acadaron os segundos premios no concurso que convocan o Concello de Cospeito e os veciños de Pino
Organización e xurado, este venres na casa do concello de Cospeito. EP
photo_camera Organización e xurado, este venres na casa do concello de Cospeito. EP

O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario 'Hora de penumbra' na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceira Segovia, coa obra 'Unha fraga de laios', na de menores de 18, son os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.

O xurado do concurso, integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo, quixo destacar a "solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso" da composición de Alonso para facelo merecedor dos 1.500 euros do premio.

Pola súa banda, foi a "delicada inxeleza" dos versos de Maceira, así coma "o realismo e a emotividade" destes, xunto coa súa "chamada ao espertar das conciencias" o que o fixo decantarse pola obra desta moza de 14 anos que recibirá libros e unha tablet.

O segundo premio na categoría de adultos recaeu en 'De casa queimada', de Iria Collazo (Moaña), quen puxo a súa "voz poética ao servizo da intensión dos sentimentos", mentres que o "acerto do seu marcado ton intimista" nos versos de 'E sigo pensando en ti' lle reportou á monfortina Sandra Rodríguez o segundo premio entre os menores de 18 anos, dotado con libros e un ebook.

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, agradeceu unha vez máis a boa resposta a esta convocatoria, á que concorreron máis de 30 orixinais, e adiantou que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.

Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: 'Caldaloba en terras de Valverde', de Xesús Rábade Paredes, que se fixo co primeiro premio, e 'Na pel das árbores do vento', de Paulino Peña.

Comentarios