miércoles. 27.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.01.2021
El tiempo

Xurxo Alonso gaña o Díaz Castro de Poesía con 'Oracións profanas'

Reunión do xurado do Díaz Castro de Poesía. C.PÉREZ
Reunión do xurado do Díaz Castro de Poesía. C.PÉREZ

O xurado salienta "a poderosa voz oracular" dun poemario "cheo de resonancias épicas" e o autor, que xa conta con varias distincións previas, "asegura que o premio "dá forzas para seguir"

O escritor Xurxo Alonso, nado en Bos Aires e afincado en Vilagarcía de Arousa, vén de gañar o III Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía co poemario presentado baixo o título 'Oracións profanas'.

"É unha alegría moi grande, o premio dá forzas para seguir, porque lle dedico moitas horas a isto e vexo que paga a pena", precisa o autor, que retomou a súa paixón pola escrita hai tres anos, logo de botar sete parado, tal e como el mesmo explica.

Polín convidou ao gañador, que tamén ten unha longa traxectoria como pintor, a expoñer en Guitiriz

O conxunto de poemas que presentou seguen "a liña do que estou escribindo ultimamente, o destino do ser humano", apunta, precisando que no caso de 'Oracións profanas' está presente "en todo o poemario un ton desesperanzado", froito da "afectación polo que sucede na vida".

Xurxo Alonso, que acumula preto dunha vintena de distincións literarias, a última delas o XXXII Premio de Poesía Cidade de Ourense en 2016, tamén conta cunha longa traxectoria como pintor (unha das súas primeiras exposicións en solitario fíxoa en Vilalba en 1983). Por iso, a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, aproveitou a circunstancia para convidalo a expoñer na localidade.

O xurado, integrado por Ánxela Gracián, Miguel Anxo Fernán Vello e Armando Requeixo, elixiu por maioría esta obra, da que destaca "a poderosa voz oracular que destila a trintena de poemas deste libro, cheo de resonancias épicas", así coma a súa "selección léxica admirable, que tece o verso nun laio clamoroso a través do cal revisita os grandes temas da poesía de todo tempo e do noso tempo".

O premio está dotado con 2.000 euros e a edición do poemario a cargo de Espiral Maior

"A superior harmonía destes versos, a súa elaborada arquitectura tanto de conxunto coma microtextual revelan unha imaxinería fulgurante que convida a reler o río da memoria que nos leva neste presente intenso e avolto que nos tocou vivir", conclúen os integrantes do xurado para avalar a súa escolla entre as obras presentadas, das que tamén quixeron destacar a súa calidade "que evidencia o estado de magnífica saúde da nosa poesía".

O premio "que leva o nome do máis insigne poeta de Guitiriz" está dotado con 2.000 euros e a publicación da obra a cargo de Espiral Maior. A presentación está previsto que se faga en Guitiriz en outubro, ao redor da data de pasamento de Díaz Castro.

Xurxo Alonso gaña o Díaz Castro de Poesía con 'Oracións profanas'
Comentarios