A Xunta licita obras por valor de 1,8 millóns de euros na autovía Vilalba-Ferrol

Un dos proxectos céntrase na mellora do firme desde Cabreiros ata a A-8 e outro, na construción dunha cuneta nas Pontes
AG-64, en Vilalba. GOOGLE MAPS
photo_camera AG-64, en Vilalba. GOOGLE MAPS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou onte dous proxectos para realizar varias obras na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) e que suman un investimento de máis de 1,8 millóns de euros.

A maior partida, de 1,3 millóns de euros, será para acometer os traballos de rehabilitación do firme desta vía de alta capacidade ao seu paso pola provincia de Lugo, concretamente no tramo que vai desde o enlace de Cabreiros, no concello de Xermade, ao final da mesma e enlace coa Autovía do Cantábrico (A-8), xa no de Vilalba.

O obxecto desta actuación, que se publicou este luns na Plataforma de Contratos de Galicia, é a mellora das condicións de confort e comodidade mediante o reforzo do firme localizado entre os puntos quilométricos 42,500 e 55,900, sendo a lonxitude total dos treitos da actuación de preto de 15 quilómetros.

O contrato contempla a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.

Ademais, como actuacións complementarias, executarase o repintado da sinalización horizontal e farase unha mellora puntual da drenaxe. Tamén se inclúe a reposición da sinalización vertical na estrada LU-540 (Cabreiros-Viveiro).

AS PONTES. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia tamén publicou onte o inicio do proceso de contratación para as obras de execución dunha nova cuneta na autovía Ferrol-Vilalba, ao seu paso polo concello das Pontes, cun investimento de máis de 583.000 euros.

As actuacións, que se desenvolverán no treito comprendido entre os puntos quilométricos 35,300 e 36,700, consistirán na substitución da cuneta actual por outra nova co fin de mellorar o contorno, a situación ambiental e a seguridade viaria.

Este proxecto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén resolverá os problemas actuais coas augas de escorrentía procedentes dos noiros e da mediana. Ademais, renovaranse as marcas viarias e repoñerase a sinalización vertical nos treitos que se vexan afectados por estes traballos, que darán comezo no verán.

As empresas interesadas na realización destes dous proxectos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de marzo. O prazo de execución no caso do primeiro é de seis meses a contar desde a formalización do contrato de adxudicación e no caso do segundo contrato rondará tamén o medio ano.

Comentarios