A Xunta impulsa novas escavacións e melloras na muralla de Viladonga

Os traballos contarán cun orzamento de 220.000 euros, o dobre dos últimos anos ►Actuarase nunha área de 1.250 metros cadrados na zona nordeste do castro

Unha imaxe de arquivo do Castro de Viladonga. AEP
photo_camera Unha imaxe de arquivo do Castro de Viladonga. AEP

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de licitar as obras para a posta en valor do sector nordeste do castro de Viladonga e o acondicionamento do paseo superior da muralla principal.

Esta nova intervención no xacemento ubicado no municipio chairego de Castro de Rei contará cun orzamento de 220.000 euros, "o dobre dos últimos anos", segundo apunta a directora do museo, Elena Varela.

A ampliación na financiación, que unha vez máis se realizará con fondos Feder, permitirá actuar sobre unha gran área de 1.250 metros cadrados, dos cales 100 serán de nova escavación.

Ademais da consolidación das estruturas -tanto das que poidan aparecer como das que xa sexan coñecidas-, o proxecto prevé mellorar a accesibilidade e a visita pola muralla principal do castro, así como a posta en valor do foxo.

O acondicionamento do paseo superior do muro inclúe a colocación de chanzos de madeira e dunha varanda acorde coa contorna, ademais da regularización e compactación do camiño para achegar maior seguridade aos visitantes.

Igualmente, o proxecto contempla tamén o acondicionamento do corte existente no sistema defensivo do castro, de forma que os visitantes poidan desfrutar de diferentes compoñentes estruturais da muralla e do foxo.

"Con este novo proxecto seguiremos consolidando estruturas e facendo reescavacións en puntos onde se traballou nos anos 70 e a finais dos 80", explica Varela, quen recoñece que a zona nordeste do castro de Viladonga é unha das menos coñecidas e estudadas.

O prazo máximo de execución destes novos traballos no xacemento máis popular da Terra Chá será de oito meses, segundo avanzan dende a Xunta.

Con carácter previo á intervención arqueolóxica, realizaranse traballos de roza e limpeza, que se executarán de maneira manual nas zonas nas que haxa estruturas e mecánica no resto.

E xa coa vista posta no futuro, Varela confirma que esta nova intervención tamén permitirá facer un amplo traballo de difusión. "Tal e como fixemos en anteriores ocasións, con todos os datos que recompilemos farase unha exposición", conclúe a directora do museo.

Comentarios