sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

A Xunta da subvencións a varios concellos de Lugo para loitar contra a seca

Obras para mellorar a rede de abastecemento de auga de Bendía a Castro de Rei. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ
Obras para mellorar a rede de abastecemento de auga de Bendía a Castro de Rei. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ
Cinco localidades chairegas benefícianse de axudas para a redacción de plans de emerxencia fronte á carencia de auga, un instrumento para garantir o abastecemento á poboación

A Xunta de Galicia outorga aos concellos axudas para a redacción dos plans de emerxencia fronte á seca, un documento que permite aos municipios estudar e analizar as posibles eivas nos sistemas de abastecemento de auga co fin de subsanar os problemas e poñerlles rápida solución. Estas subvencións, dotadas cun máximo de 15.000 euros para cada municipio, van xa pola súa terceira edición. Na primeira, que se resolveu en marzo de 2020, ningún concello da Chaira recibiu estas axudas. Na segunda convocatoria resolta en xaneiro de 2021, puideron beneficiarse do financiamento Begonte e Ribeira de Piquín, con 14.036 e 14.520 euros, respectivamente.

A terceira adxudicación das subvencións resolveuse no mes de agosto e acolléronse a elas 69 concellos galegos, entre os que están As Pontes, que recibiu 10.975,45 euros, Abadín, con 14.036 euros, e Castro de Rei, coa mesma cifra. Cada concello ten un prazo dun ano para desenvolver e presentar o documento. No caso de Begonte o plan atópase no tramo final da súa elaboración que corre a cargo da empresa Proyestegal. "En función do que resulte do informe actuaremos, actualmente no relativo á rede de abastecemento atopámonos case ao 100% e quedan algunhas casas que si que se ven afectadas pola seca", sinalaba o alcalde, José Ulla.

As axudas están dotadas cun máximo de 15.000 euros por municipio, e o proxecto ten un prazo de elaboración dun ano

En Ribeira de Piquín o documento está xa rematado á espera de ser aprobado no vindeiro pleno. "Non se atoparon grandes deficiencias na rede de abastecemento, mostra do traballo neste ámbito nos últimos ano", explica o alcalde, Roberto Fernández.

As Pontes, Abadín e Castro de Rei veñen de recibir o aviso da concesión da axuda polo que deben proceder a aceptala e presentar a documentación pertinente. Unha vez solucionados os trámites burocráticos comezarase a redacción de sendos plans para os que dispoñen dun prazo máximo dun ano.

Ademais dos cinco concellos chairegos tamén se beneficiaron destas axudas nas distintas convocatorias outros 13 concellos lucenses: Portomarín, Vicedo, Sober, Ribadeo,Antas de Ulla, Barreiros, Chantada, O Corgo, Guntín, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, Trabada e Triacastela. Estes plans permitirán garantir o abastecemento de auga e evitar a seca.

A Xunta da subvencións a varios concellos de Lugo para loitar...
Comentarios