A Xunta achega uns 32.000 euros para o novo comedor da EEI de Vilalba

O Goberno galego firmará un convenio co Concello, que xestionará este novo servizo
Novo comedor da EEI de Vilalba. EP
photo_camera Novo comedor da EEI de Vilalba, que xa conta con todo o equipamento.

O Consello da Xunta aproba este xoves a autorización do convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello vilalbés polo que o goberno autonómico achegará preto de 32.000 euros para poñer en marcha o novo comedor da Escola de Educación Infantil (EEI) de Vilalba.

No marco deste convenio, a consellería subvencionará con 31.727,50 euros os menús escolares de 49 comensais deste centro educativo, ao que acoden actualmente máis de 80 nenos e nenas de tres a seis anos, durante o que resta do actual curso 2020-2021 e durante todo o 2021-2022, que é o periodo de vixencia do mesmo.

Pola súa banda, o Concello de Vilalba comprométese a asumir a xestión e organización deste comedor escolar, o que abrangue a contratación da elaboración e servizo dos menús –que será mediante o sistema de cátering–, así como do coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

A través destas accións, a Xunta de Galicia "favorece a conciliación da vida escolar e familiar e reforza o seu apoio a este Concello, que decidiu facerse cargo da xestión deste servizo complementario na EEI de Vilalba", indican dende a consellería.

Recordan ademais que, contabilizando xa o acordo con Vilalba que entrará en vigor nas próximas semanas, poñendo fin así a un proceso que se iniciou hai case dous anos e que, por diversas circunstancias, se foi dilatando no tempo, Educación mantén convenios de colaboración con 16 concellos, a través dos que financia os menús de 4.745 usuarios de 53 centros públicos. A maiores tamén destina axudas a Anpas para a xestión de 153 comedores que suman outras 11.904 prazas.

XESTIÓN PROPIA. No entanto, a meirande parte dos comedores escolares en Galicia están xestionados pola propia consellería, cun total de 418 que atenden a 62.163 usuarios. No curso actual, Educación destina preto de 30 millóns de euros aos comedores de xestión propia e ao cofinanciamento dos xestionados polos concellos, Anpas e outras entidades.

"Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais, o número de prazas de comedores incrementouse en 16.987 desde o curso 2008-2009, un 30% neste periodo", destacan desde a consellería.

Comentarios