Xotramu participa no Tocatì de Verona

Unha delegación da entidade de Muimenta estará ata este domingo na cidade italiana
Adestramento de Xotramu e o equipo de Chipre. EP
photo_camera Adestramento de Xotramu e o equipo de Chipre. EP

Varios membros da asociación Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) está a participar dende onte no Tocatì, o Festival Internazionale dei Giochi in Strada que se celebra ata este domingo, día 15, na cidade italiana de Verona. Dende a asociación organizadora búscase que esta cita estea protagonizada polos xogos da rúa, sendo estes o punto de partida do festival.

A delegación cospeitesa foi convidada a ser partícipes de catro días de programación, ademais de disputar un xogo veronés chamado S-cianco, que a Associazione Giochi Antichi (AGA) -a asociación de xogos antigos- "axudou a revitalizar reunindo testemuñas sobre o regulamento, transmitido so verbalmente", explican dende Xotramu. Así mesmo, o S-cianco tiña a dificultade engadida de xogarse de xeito diferente segundo os barrios da provincia.

A asociación de xogos antigos italiana recuperou o S-cianco, un xogo veronés cuxo regulamento so estaba transmitido verbalmente

Polo momento, Kiko Darriba, José Lombardero, Noelia Darriba, Martín Anllo e Irea Santalla tiveron a oportunidade de "gañar por goleada" a Chipre no adestramento do xogo veronés e continuarán empapándose "das ganas e da diversión de xogar na rúa", así como volver a Muimenta con novas ideas que alenten o seu labor.

Comentarios