Xosé Manuel Seivane será o pregoeiro da sétima Santa Palleta das Pontes o día 29

Haberá pasabares pola mañá e obradoiros pola tarde. Á noite será a foliada, con máis de dez grupos, e a súa peculiar procesión musical

Comisión da Santa Palleta, no Lar. EP
photo_camera Comisión da Santa Palleta, no Lar. EP

Xosé Manuel Seivane, fillo do iniciador dunha saga de artesáns e gaiteiros —abriu o seu obradoiro na Pastoriza, trasladouno a Ribeira de Piquín e en 1994 a Cambre—, será o pregoeiro da sétima edición da Santa Palleta das Pontes, unha cita que se celebrará o sábado 29 e que servirá de despedida a esta tempada de foliadas, que se celebran no Lar o último venres de cada mes.

"O público vai sendo o mesmo tódolos anos e a festa está bastante animada. Para nós é unha forma de xuntarnos, de coñecer e contactar con outros grupos que veñen doutras zonas", di Bieito Rivas, un dos organizadores.

O programa arrancará ás 12.00 horas con pasabares, que se prolongarán ata as 15.00 horas aproximadamente e encherán de música os locais de hostalaría, concretamente os nove que participan. O resto de actividades xa serán no Lar, onde se instalarán varios postos de venda de polbo e churrasco.

Ás 20.00 horas, Roberto Piñón dará un obradoiro de baile e ás 21.30 horas comezará a foliada, na que xa hai once grupos inscritos. "Se se quere apuntar algún máis aínda pode, pero para moito máis xa non dan as horas", di Rivas, que recorda, de todas formas, que tras as actuacións programadas haberá foliada libre para que se sumen todos os músicos que o desexen.

Sobre o escenario tocarán Os Trevillas, Canavella, No Cómbaro, Os de Diante do Arredore e os músicos da Choupana (As Pontes), María e Os Aghaspalleiros (Narón), Os Sobraos (Bergondo), Troula & Stone (Ortigueira), Axóuxere (Xermade) e Espera que Vou Mexar (Viveiro).

Pero haberá un parón na música ás 23.30 horas coa peculiar procesión musical da Santa Palleta, tras a que chegará o momento do pregón. Tras unha queimada comezará a segunda parte da foliada.

Comentarios