domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Díaz Castro con 'A traxedia da arquitectura'

Presentación no Vilariño da obra de Xurxo Alonso, gañador do III Premio Díaz Castro de Poesía
Presentación no Vilariño da obra de Xurxo Alonso, gañador do III Premio Díaz Castro de Poesía

O xurado do certame convocado polo Concello de Guitiriz deu a coñecer o seu ditame na presentación da publicación da obra distinguida na terceira edición, Oracións Profanas, de Xurxo Alonso

O poemario A traxedia da arquitectura, presentado baixo o lema Ada Murati e do que é autor o escritor Xosé Luís Mosquera Camba, foi elixido de xeito unánime, entre ao redor de 40 orixinais, como gañador do IV Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía.

O xurado, formado pr Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo, estimou o "excelente traballo de fusión e recreación das máis diversas tradicións poéticas para conformar un fulgurante collage".

O gañador obtén unha recompensa de 2.000 euros e a publicación da obra a cargo de Espiral Maior

"O poema ilumínase a través dun elaborado proceso de decantación lectora, un instantaneísmo que reconfigura o texto, dende o onírico, o abstracto e a fractalización de planos, para espallar un novo molde resultante da converxencia de múltipeles achegas", salientan tamén os membros do xurado. Estes quixeron destacar ademais a "excelente calidade dun número importante" dos orixinais presentados, o que evidencia "o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a boa acollida do premio".

Os tres repiten funcións dende a primeira edición, polo que tamén foi súa a decisión de recompensar con 2.000 euros e a publicación da súa obra ao escritor Xurxo Alonso, gañador da terceira edición do certame convocado polo Concello de Guitiriz e cuxo poemario Oracións profanas, se presentaba onte no Vilariño, aldea natal do escritor ao que honra o premio.

O autor, xunto cos membros do xurado e coa alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daban a coñecer a obra editada por Espiral Maior e as súas impresións sobre a mesma, nun acto amenizado por Amigos da Música de Guitiriz.

Xosé Luís Mosquera gaña o IV Premio Díaz Castro con 'A traxedia da...
Comentarios