As xornadas de Cabreiros cumpren 20 anos "dando voz a todas as xeracións rurais"

A veciñanza de Xermade prepárase para a nova edición das Xornadas Interxeracionais Rurais, que quere perpetuar as tradicións dos veciños e escoitar as súas inquedanzas e reflexións
undefined
photo_camera O docente italiano Francesco Tunocci fronte ao cartaz da vixésima edición das xornadas. EP

A parroquia de Cabreiros, en Xermade, leva "a cultura e o ensino rural por bandeira". Así o afirma o presidente da asociación veciñal de Cabreiros, Xosé Manuel Felpeto, que sente un grande orgullo de poder celebrar este ano a vixésima edición das xa tradicionais Xornadas Interxeracionais Rurais os días 25 de maio e 1, 8 e 14 de xuño.

O que naceu a comezos de século como un proxecto "moi ambicioso" por parte desta entidade veciñal, que buscaba dar voz aos habitantes do municipio a través dun espazo de reflexión e de debate, converteuse en todo un fito cultural e social que logrou superar todas as expectativas dos seus propios organizadores.

Para os que non as coñezan, trátase dunhas xornadas que partiron co obxectivo de involucrar os máis maiores da veciñanza en diferentes ámbitos da comunidade. "Buscabamos dar voz a todas as persoas maiores da localidade, porque para nós era e segue a ser moi importante escoitar o seu discurso", explica Felpeto.

undefined
Imaxe de arquivo das xornadas interxeracionais rurais do ano 2005. AEP

"Moitos xa non están con nós, pero mentemos o seu legado", subliña Felpeto

"Moitos deles xa non están con nós a día de hoxe, pero seguir coa actividade tamén é un xeito de dar vida e perpetuar o seu legado", asegura. Moitos deles zoqueiros, outros ferreiros, muiñeiros, carboeiros, canteiros e mesmo cavadores, foron os encargados de transmitir moitos dos oficios tradicionais que, a día de hoxe, se atopan en perigo de extinción.

E o que comezou como un altofalante para dar a coñecer o traballo de toda unha xeración, transformouse co paso do tempo nunha cita interxeracional que congrega actividades de todo tipo coas que, en palabras do propio presidente da asociación veciñal de Cabreiros, buscan "simplemente, mellorar a vida das persoas".

undefined
O logo desta última edición das xornadas.EP

As xornadas funcionan actualmente como unha "porta" que une as experiencias e coñecementos que adquiriron os maiores ao longo da súa vida coas novas xeracións. E para iso, os diversos programas, actividades e coloquios contaron ademais dende o primeiro momento co apoio do Concello de Xermade, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Deputación de Lugo. 

Colaboración do colexio

E este ano, xa de forma oficial, suman a colaboración do Ceip Plurilingüe de Xermade, que acollerá o 14 de xuño nas instalacións do centro de ensino unha conversa coa Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional baixo a cuestión de 'Que nos achega o xogo ás nosas vidas?'. Os asistentes tamén poderán gozar de diversos xogos tradicionais para todas as idades.

"A participación do colexio é unha das grandes satisfaccións para nós este ano", asegura o pedagogo xermadés e representante da USC nestas xornadas Xesús Rodríguez, que sinala que tiveron que parar estas actividades co covid, pero que agora regresan "con moitas gañas".

Xesús Rodríguez fai fincapé no labor de Marcos, o bibliotecario do municipio, que puxo en marcha un club de lectura o ano pasado, e que actualmente funciona "de forma moi activa". Este club participará no desenvolvemento das xornadas a través da lectura de textos de Luísa Villalta, a escritora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, e que os actos pola celebración coparán boa parte da programación do día 25 deste mes. "É de valorar que nun concello tan pequeno como Xermade existan iniciativas coma esta, que contribúen a manter viva a cultura entre a poboación", sostén.

O pedagogo xermadés aproveitou ademais a visita do profesor italiano Francesco Tonucci á USC, onde o nomearon honoris causa polos seus traballos a prol da sustentabilidade e da mellora na educación de nenas e nenos, para que apadriñase o vixésimo aniversario das xornadas, selando o momento cunha foto co cartaz. "É unha das figuras máis senlleiras na educación a nivel mundial", di Rodríguez.

Polo 20 aniversario das xornadas tamén darán continuidade ao premio Xermade na Historia, que se creou hai once anos co fin de recompilar e transmitir a riqueza do patrimonio cultural da localidade. As festas e as foliadas serán outras das grandes protagonistas neste evento, xa que, ademais de contar con música e baile en vivo e de celebrar un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, os veciños de Xermade contarán en primeira persoa a súa experiencia neste eido a través dun coloquio aberto a todo o público.

O párroco: o precursor

O xerme desta asociación, coa que naceu todo este movemento, e que situou no mapa esta pequena parroquia xermadesa coas súas variadas iniciativas culturais, non se entendería sen a figura do párroco Cándido Santomé, xa que foi el quen propuxo a primeira xuntanza. Santomé levaba asentado en Cabreiros tres anos por aquel entón, pero xa vira como ese movemento estaba xermolando noutros municipios. "El foi quen protagonizou os primeiros movementos", di Felpeto, que comezou xa entón como presidente respaldado por doce veciños, unha cifra que foi medrando ata converterse en máis de 300.

"A esencia destas xornadas é a comunicación", conta o presidente da asociación local, que di que cada ano presentan entre 15 e 20 propostas co fin de "renovar o repertorio e tocar diferentes temáticas e posibles intereses da veciñanza". Pero, para que iso chegue a bo porto, os organizadores e os membros de asociación veciñal  reúnense con moita frecuencia.

E, logo de publicar o libro 'Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria. Olladas e recursos interxeracionais no rural', onde recolleron a súa esencia e repasaron a traxectoria das diferentes edicións, o presidente da asociación veciñal de Cabreiros afirma que "agora, polos 20 anos, é o momento de facer instrospección e analizar as demandas da veciñanza e adaptarnos a elas para seguir sendo a voz do pobo".

Programación da XX edición das xornadas

Inauguración

O sábado día 25 celebrarase a inauguración da vixésima edición das Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros ás 10.30 horas da man da Deputación de Lugo, a alcaldía de Xermade, a asociación veciñal de Cabreiros, o Ceip Plurilingüe de Xermade, a biblioteca municipal e a USC.

Día das Letras Galegas

Tamén o sábado 25 celebrarase o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta, coa intervención de María L. Sández, membro da Real Academia Galega e vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, a partir das 11.00 horas. Logo, os alumnos de sexto do colexio de Xermade representarán a obra 'O atasco', do autor Fernando Almena Santiago, e realizarase unha lectura de textos de Villalta por parte do club de lectura de Cabreiros e de Xermade, así como a lectura de textos conmemorativos polo aniversario  das xornadas.

Romaxe Artesá 

O día 25 tamén haberá unha visita libre á Romaxe Artesá da Chaira de Muras ás 14.00 horas.

Música tradicional

O sábado, día 1 de xuño, a xornada comezará cun coloquio sobre a festa e a súa cohesión co rural galego no caso de Santa Mariña, para a que contarán con Zósimo López Pena e Enrique Neira, en horario de 10.30 a 12.15 horas.

Logo será a presentación do proxecto Palcos, que aborda a traxectoria e significado dos palcos de música en Galicia, a cargo de Fátima Rodríguez Porto, do Instituto de Ciencias do Patrimonio, e Íñigo Sánchez Fuarros, da Incipit-CSIC, de 12.15 a 12.30. Despois presentarase o número 88 da RGE Interxeracionalidade, e ás 16.15 horas haberá un coloquio sobre como eran as festas antigamente nas parroquias de Xermade. 

Iniciación

Ás 17.30 celebraranse os 20 anos co obradoiro de iniciación ao baile nas foliadas da man de Rebeca Tallón, profesora de baile tradicional galego e compoñente de Airiños da Freba. Por último, a xornada do día 1 rematará cunha foliada a cargo dos grupos Axóuxere de Xermade, No Cómbaro das Pontes e Buxos verdes de Vilalba, ás 18.30 horas.

A fauna salvaxe

O 8 de xuño preparan unha charla sobre a fauna salvaxe no concello de Xermade, centrada no cocho bravo, o cervo, o lobo, etc. Para iso contarán coa intervención de Óscar Chao Penabad, biólogo, docente da USC e presidente da asociación Rebinxe. O horario será de 10.30 a 11.30 horas.

Premios

A presentación dos traballos premiados na décima edición do Premio Xermade na Historia será o día 8 de xuño, xunto á convocatoria da undécima edición deste certame, en horario de 12.00 a 13.00.

Proxecto enerxético

Os veciños poderán charlar e debater sobre o proxecto de participación veciñal para a xeración de aforro enerxético XERando tamén o día 8 a partir das 17.00 horas. Contarán ademais coa intervención de Fernando Pereira García, enxeñeiro e técnico industrial en Proxecto Servizos de Enxeñería.

Literatura

O meirego Suso López presentará o día 8 o seu novo libro de poesía 'Non aparecen bicis', unha obra onde conviven a nostalxia, o humor e a psicodelia. A partir das 18.30.

Xogos tradicionais

O centro e ensino de Xermade acollerá de 11.00 a 11.15 unha conversa coa Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional sobre que nos achega o xogo ás nosas vidas. Logo, de 11.15 a 13.15, haberá xogos tradicionais organizados dende o colexio para todos os asistentes.

Comentarios