O recuncho de Héctor Anllo

Área recreativa do Azúmara: a xoia castrexa de auga e cultura

Un lugar emblemático para os veciños e veciñas de Castro de Rei e clave na difusión da súa cultura
As augas do Azúmara rodean a área na que se sitúa o centro cultural. NOEMI FERNÁNDEZ
photo_camera As augas do Azúmara rodean a área na que se sitúa o centro cultural. NOEMI FERNÁNDEZ
Localización
Aparcar á beira da vía CP-1611 e cruzar a pé a ponte de madeira para chegar á área recreativa do Azúmara é unha opción, pero tamén é posible acceder ata ela en coche polo Camiño do Azúmara, unha vía sen saída que se bifurca da Rúa Poeta Crecente Vega.
Sendeirismo
Este emprazamento é o final da Ruta do Azúmara, un sendeiro de sete quilómetros de lonxitude que parte do Museo do Castro de Viladonga e que pasa por lugares emblemáticos do municipio, como o Pazo de Fontexón ou a antiga mina de arsénico. 
Actividades culturais
A asociación Amigos da Feira celebrou neste lugar citas como o lume novo ou a cabalgata de reis, así como roteiros veciñais para percorrer a ruta do Azúmara. 

A Terra Chá é unha comarca bañada por emblemáticos ríos entre os que destaca o Azúmara. O afluente do pai Miño que ao seu paso polo centro de Castro de Rei rodea unha fermosa área recreativa inundada de cultura e veciñanza.

Para calquera chairego que se precie ou asiduo da comarca é recoñecible este espazo no que aínda se pode escoitar algunha troita saltar e o río escorregar baixo a ponte de madeira que atravesa as augas. 

Inmediacións da área recreativa. NOEMI FERNÁNDEZ
Inmediacións da área recreativa. NOEMI FERNÁNDEZ

Un privilexio co que cada mañá espertaba Héctor Anllo. Só con abrir a fiestra da súa habitación podía alcanzar coa vista o teleclub e o río que discorre pola súa parroquia natal

Héctor, actual presidente da asociación Amigos da Feira, garda prezados recordos deste lugar, no que recoñece ter pasado infinidade de horas. Especialmente nos veráns da súa infancia, "practicamente viviamos alí todos os nenos e nenas da contorna", lembra o castrexo. 

Foron as augas do Azúmara as que viron a Héctor aprender a nadar, "grazas a Luis, o monitor que máis veráns pasou na área recreativa", sinala. Tamén o teleclub construído dentro da área viu a este mozo iniciarse na informática, na mecanografía e ata en piragüismo. 

Pois en tempos pasados, a área recreativa do Azúmara contaba con dous monitores que dinamizaban a zona de baño, un servizo que desapareceu co tempo. 

Zona de merendas pegada ao río. NOEMI FERNÁNDEZ
Zona de merendas pegada ao río. NOEMI FERNÁNDEZ

O que non arriou do lugar foi o teatro, xa que o centro cultural segue sendo onde ensaia o grupo escénico Os Baluros. Tamén durante varios anos se deron cita neste espazo os membros da asociación cultural Os Valuros, un grupo de música e baile que deixou o seu rastro nas paredes do teleclub, onde aínda permanecen as oveiras que empregaban para illar o son das gaitas. 

Un son tradicional co que se enchía este espazo multidisciplinar que deu cabida a múltiples eventos. Un lugar no que se recordan xuntanzas familiares e de amigos, baños nos días máis sufocantes do verán e ata o bautismo de Héctor a comezos dos anos 90, cando se reformou a igrexa da parroquia.

Tradición, cultura e natureza que fan da área recreativa do Azúmara unha parada obrigada que visitar.

Ponte de madeira que cruza cara o centro cultural. NOEMI FERNÁNDEZ
Ponte de madeira que cruza cara o centro cultural. NOEMI FERNÁNDEZ

 

Comentarios