miércoles. 16.10.2019 |
El tiempo
miércoles. 16.10.2019
El tiempo

Xogos tradicionais para toda a familia

Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta. M.MANCEBO
Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta. M.MANCEBO

A undécima festa de Xotramu citou en Muimenta ducias de asistentes nun novo escenario pero coa mesma esencia de sempre

Unha tarde de diversión en familia compartindo xogos de hoxe e de sempre. Así se resume a xornada que viviron este domingo as ducias de asistentes que se achegaron a Muimenta para gozar da XI Festa dos Xogos Tradicionais, promovida por Xotramu, e que ofreceu un amplo programa de actividades que incluíu música, artesanía, obradoiros e exposicións, ademais dun centro de xogos tradicionais.

Participantes na Festa dos Xogos Tradicionais de Muimenta. M.MANCEBONesta ocasión, o escenario escollido para a súa celebración variou, xa que a cita se desenvolveu por primeira vez no campo da Igrexa Vella —sempre se facía no recinto feiral Manuel Vila—, pero a esencia foi idéntica á de sempre.

Nenos, pais e avós compartiron un entretido anaco de tempo entre o cento de propostas tradicionais que ofreceu Xotramu, nas que non faltaron as típicas carreiras de sacos, os campionatos de bolos ou as prácticas cos zancos, co aro, coa comba ou as competicións de brilé ou de agocho.

Ademais, os asistentes que se achegaron onte a Muimenta tamén tiveron ocasión de aprender a construír xoguetes con cortizas e, da man do músico e artesán Pablo Carpintero, gozaron de demostracións de diversos instrumentos musicais.

Fronte á igrexa nova celebrouse o tradicional torneo de billarda e moitos visitantes aproveitaron a ocasión para adentrarse tamén no museo pedagóxico, no que hai unha recreación dunha antiga escola, e no das zocas, no que dende hai uns meses os veciños de Muimenta tratan de poñer en valor este oficio tan estendido na súa contorna.

Os veciños e os visitantes puideron adquirir algún obxecto nos postos de artesanía que se repartiron polo campo e gozar da exposición fotográfica Fauna chairega, de Manuel Sanmartín, cedida polo Instituto de Estudos Chairegos, e da animación musical.

"Era a primeira vez que o faciamos aquí no campo da Igrexa Vella, así que non sabiamos moi ben como ía ser a resposta da xente. Estamos encantados, porque aínda que só aceptaron o convite as anpas do Ceip Monseivane de Lanzós (Vilalba) e do Ceip Avelino Díaz (Meira), moitos dos outros colexios están presentes a través dos pais e das nais que se achegaron en familia ata aquí", explicou Noelia Darriba, unha das integrantes de Xotramu, quen confirmou que dende primeira hora da tarde "todos os xogos estaban funcionando".

A entidade, que naceu en 2008, apostou polo campo da Igrexa Vella "para darlle máis usos a este espazo e mostrar os museos cos que contamos", indicaron, sempre traballando arreo para poñer en valor o pasado. E nesa loita continuarán, agora co obxectivo de que a súa festa sexa declarada nun futuro Festa de Interese Turístico de Galicia.

Xogos tradicionais para toda a familia
Comentarios