
"Yo ya probé de todo", asegura Pilar Iglesias pouco antes de esbozar un sorriso de felicidade plena mentres salta a comba. E nin sequera é o seu xogo favorito. "Me gusta todo, incluso me enseñaron algo de ajedrez —tivo de mestre a Samuel, un rapaz de 14 anos—, pero el brilé o la mariola son los que más", indica quen xa se converteu nunha cara fixa dos Xogos da Primavera.

"E iso que vén sendo?", preguntaranse moitos. Pois un programa ideado polo Concello de Guitiriz, que ten lugar ao pé da Casa Habanera o primeiro e o terceiro luns do mes e que está pensado para ser un punto de encontro interxeracional. A parte máis nova da ecuación faltou á última cita, co ceo ameazando chuvia, pero iso non impediu que quen si estaba fixese todo o posible para pasalo non só ben, senón moi ben.
E había ata debutantes. "É a primeira vez que veño, xa os tiña visto aquí, pero non parara", di Mónica Paz Pardo. Animárona a probar a ra, ía tirar só unha vez, lanzou e... "isto engancha". Volveu coller as dez moedas coas que hai que atinar na pequena boca do inmóbil anfibio para así sumar dez puntos e... entrou! Sorte da principiante? Quen sabe, pero Mónica marchou esa tarde coa satisfacción de darlle de comer á ra e de probar a buxaina, reconquistar a mariola ou volver dar á comba.

Non foi a única que lograba alimentala, aínda que houbese quen pensase que, máis que unha ra, debería ser "un hipopótamo". Así o propoñía Mónica Paz Ferreiro, que non sumou dez puntos, pero si foi quen de atinar, e máis dunha vez, nos chamados ‘furados da frustación’, tal e como teñen bautizados os cinco ocos feitos polo taller de Alume na base de madeira na que está a ra e que suman un punto... de consolación.
"Eu quero ver a técnica de Fernando (Mayer)", esixía entre risas. E non tardaba en oírse unha resposta do mentado, ao parecer todo un experto: "La primera vez que vine se la metí a la rana y hoy se la volví a meter", dicía un mestre que, efectivamente, parecía ter o xogo controlado, aínda que, por se acaso, seguía practicando.

"Pensaba que era un xogo aburrido, pero engancha", dicía a posteriori Ferreiro, cuxo principal obxectivo (superado) ao achegarse ata os xogos era "probar a mariola, porque había anos que non xogaba". "Molou", conclúe unha neófita que, quizais, repita.
Quen non perderon unha soa cita foron Jesús Fernández, Rosa Torres e Laura del Cerro, que tamén colaboran na organización. «Son voluntario municipal de asuntos culturais e tamén axudo na biblioteca», di Jesús, que apunta que a proposta ten «moito éxito», sobre todo a benquerida ra. "Se tivesemos dúas, podíase facer un campionato", propón, a ver se hai sorte e alguén escoita. E pode ser que non lle falte razón, porque Loli, que só pasaba por alí para ir a outra actividade, parou e fixo as dez tiradas de rigor. Non chegou a darlle de comer, pero pouco lle faltou.

"Los he probado todos, Laura y yo nos apuntamos como voluntarias para ayudar y le damos a todo, a los bolos, a la petanca —houbo que renunciar, porque o sitio non se axeitaba—, al brilé, a la cuerda, a la goma... hasta al ping pong; es que si no lo intentas...", di Rosa, a quen esta actividade mesmo lle serve de terapia: "Tengo depresión y ansiedad y estar aquí es como volver a la infancia; ya dicen que siempre hay una persona grande dentro de un niño y un niño dentro de un persona grande".

E saltar as barreiras entre esas diferentes idades intercambiando experiencias é precisamente o obxectivo destes Xogos de Primavera que coordina Ana Pérez, responsable da Aula Cemit e da biblioteca municipal Escola Habanera e aos que, como o seu nome indica, se xoga durante a estación da primavera. Comezaron canda a ela, o pasado 21 de marzo, e pecharanse o próximo 20 de xuño.