O XLI Festival de Pardiñas cambia de formato e ofrece un mes de propostas

A Mostra de Instrumentos abre o día 1 en Parga un programa que visitará varias parroquias ► Todas as actividades previstas serán gratuítas, agás dous concertos para controlar o aforo
Alfonso Blanco Maite Ferreiro e Marisol Morandeira, na presentación celebrada na Casa das Palabras. C. PÉREZ
photo_camera Alfonso Blanco, Maite Ferreiro e Marisol Morandeira, na presentación celebrada na Casa das Palabras. C PÉREZ

O XLI Festival de Pardiñas fará honor máis ca nunca ao seu apelido de Feira e Festa da Música e das Artes nunha atípica edición na que a tradicional romaría do primeiro fin de semana de agosto muta nun novo formato que se desenvolverá ao longo de todo o mes de agosto en distintos escenarios do concello.

O coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, deu onte conta do amplo programa de actos desta edición, na que se busca adaptarse a todas as medidas de prevención e seguridade derivadas da crise sanitaria. Malia a amezada do Covid-19, que levou a suspensión de numerosos eventos, Alfonso defendeu a necesidade de manter viva a cultura, que cualificou coma "unha ferramenta contra a desigualdade, contra as inxustizas e contra as pandemias".

"Esta é unha edición difícil, pero xa houbo outras difíciles, sabémolo ben", aseverou, destacando que se aproveitou a oportunidade que ofrece este cambio de formato para visitar aqueles espazos "aos que imos todos os anos".

Xermolos e o Concello apelan que esta fin de semana non se organiza nada en Pardiñas

É o caso de Parga, que ata se barallara como posible sede do festival nas orixes, e cuxo emblemático Campo da Feira acollerá este sábado o pistoletazo de saída do XLI Festival de Pardiñas, a Mostra de Instrumentos da Asociación de Gaiteiros Galegos, que xuntará a uns 40 artesáns e contará cun variado programa. Haberá pregón de Afonso Castro, literatura, música, un obradoiro de baile, una táboa redonda sobre o oficio e pasarrúas con Folieiros da Coruña.

O coordinador de Xermolos salientou tamén que para edición se tentou recompensar a fidelidade e a implicación dos grupos da zona e dos colaboradores habituais, ofrecéndolles a oportunidade de facer o que mellor saben nun ano no que a súa actividade se viu moi reducida.

Tamén se lembrou que as actividades serán gratuítas, se ben se cobrará dous euros de entrada para o concerto de Uxía -á venda no Gaibor, no Xoldra, no Soa e na librería Castaño- para controlar o aforo, unha medida que tamén se adoptará no concerto de Pardiñas do día 29. Esta gratuidade é posible grazas á colaboración de distintos patrocinadores privados e públicos, entre eles a área de cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Guitiriz.

"O apego ao rural é un dos sinais de identidade deste festival", destacou a deputada Maite Ferreiro, que tamén fixo fincapé no "esforzo" realizado durante anos "moitas veces sen axudas económicas", de colectivos culturais como Xermolos para "facer país".

Á "implicación desinteresada de moita xente" que fai posible o festival aludiu tamén a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que animou ás novas xeracións a sumarse ao espírito de Pardiñas.

Morandeira aludiu tamén á "responsabilidade" de cada quen para que todo saia ben, un consello no que tamén incidiron dende Xermolos, recordando que esta fin de semana non organizan nada no recinto de Pardiñas, "que é unha propiedade privada", advirten.

PROGRAMACIÓN
Día 1. Parga De 11.30 a 21.00. XXVII Mostra de Instrumentos de Pardiñas.

2. San Alberte 13.00. Concerto de Caivanca. Presentación do libro ‘No baleiro dunha soidade’, de Mero Iglesias.

3. Guitiriz 12.00/19.00. Pasarrúas de Andrade e No Cómbaro. 21.00. Concerto de Uxía Senlle. Campo da Feira.

4. Guitiriz 21.30. Proxección de María Solinha, co director.

8. Roca Xaquín Campo falará de San Xiao de Roca e do Camiño Norte. Exposición ‘Camiño ComPostal’. Proxección dun documental sobre Martín de Pradocelos, coa actuación da Quenlla.

9. Guitiriz Proxección de O cine en Guitriz, de Kamy Iglesias. Concerto de Nuada e Berta Franklin.

15. Parga Presentación dun libro e proxección dun documental sobre Mini e Mero.

16. Santa Mariña Memorial Irmáns da Lexía, coa súa sobriña Selva. Concerto do arxentino Gustavo Fuentes. Ofrenda floral.

22. Guitiriz Urban Witiricus. Presentación do disco Ausencias de David Gómez, espectáculo infantil Muu: Crunch! e entrega de premios do XLI Certame de Creación.

23. Guitiriz Homenaxe a Carvalho Calero.

29. Pardiñas Presentación do Caderno sobre Ramón Villar, da reedición de Palleta Maldita de Sito Carracedo e do libro ‘Ferreñas e Rock and Roll’, de Laura Romero.

30. O Vilar/Santa Locaia 12.00/18.00. Alfonso Blanco fala do Camiño Norte e Fátima Fernández, da Cova da Serpe. Presentación do cómic Lendas do peregrino de Xavier Varela. Actuacións de Sons de Aldea.

Comentarios