Unha Xira virtual coa que aliviar a morriña

O coronavirus levou apertas, bicos e xuntanzas e, con eles, levou tamén a cita máis agardada pola mocidade de Vilalba, a que daba o pistoletazo de saída ás patronais de San Ramón e Santa María
2020082918150774756
photo_camera Unha das últimas edicións da Xira

O reloxo que marcaba a conta atrás volveu poñerse a cero, pero desta vez non se celebra. Este ano, como tantas outras festas, a Xira de Vilalba marchou da área da Magdalena para converterse en virtual e instalarse nunhas redes sociais que se inundaron de imaxes da cita a golpe de recordos, dos que veñen á memoria grazas ao Un día coma hoxe de Facebook e de Instagram.

A medida que se achegaba a data de celebración -este ano sería ao longo desta fin de semana-, máis chairegos compartían as súas lembranzas, morriñentos de sesións vermú que empatan con verbenas, de reencontros deses que se dan de ano en ano, e de casetos ben equipados que hoxe non son nin a sombra do que foron en 2019. Á Santa Xira tocaralle agardar para volver en procesión, pero a ninguén se lle pasa por alto o día que abre as festas de San Ramón e Santa María, por moito que o coronavirus o levase por diante.

Pero non sempre foi así. Nin era o pistoletazo de saída, nin duraba dous -ou incluso tres- días, nin as merendas se combinaban con grupos de amigos que converten o monte nun particular fogar, nin a Magdalena foi sempre o lugar de encontro. Con máis dun século ás súas costas, a Xira campestre de Vilalba pode presumir de aguantar e de reinventarse co paso dos anos, para algúns perdendo parte da súa esencia; para outros, adaptándose aos novos tempos.

Todo comezou, ao aparecer, fai máis de cen anos e, aínda que se descoñece se aquelas primeiras xiras se enmarcaban tamén nos festexos de San Ramón, o certo é que unha das primeiras localizacións que se lle recorda é no Muíño do Rañego, para logo pasarse aos arredores dos Freires, onde actualmente está a zona de aparcamento do antigo restaurante Paulino, daquela unha carballeira.

"Ata que non se asentou, foi cambiando de lugar, moitas veces en fincas que cedían os particulares", explica Pilar Maseda, a propietaria dunha fotografía sacada en 1964 nesa carballeira e que reflicte o carácter familiar festa. "Aparecen meus avós, meu pai, algúns tíos, curmáns... Todos arredor do magnetófono que trouxera meu pai de Nova York cando estivo embarcado, que gravaba a voz e permitía escoitala no momento. Era moi moderno para aquela época en Vilalba, rulaba por todas as festas", detalla unha muller que non lembra nin un parón da xira, pero si o devir da celebración, que antes de acabar na Magdalena pasou polo Muíño de Lola e polo chalé de Crespo (preto da Rúa Domingo Goás).

Aquí recalou poucos anos, pero eses poucos, polos 70, rememóraos María Xosé Lamas, especialmente a Xira de 1978. "Era dama das festas polo Centro Cultural e Recreativo e aquel día comeramos toda a comitiva xunta. Fixérame máis ilusión ca nunca", di.

Por aquel entón era só un día e bailaba no calendario. "Era o sábado antes da feira do San Ramón, á que non faltaba ninguén, pero sempre que ese sábado non fose 1 de setembro, senón había que pasala para a seguinte fin de semana", detalla Maseda sobre unha circunstancia pola que moitos vilalbeses xa acabaran as súas vacacións e xa marcharan e que empuxou á comisión a establecer a cita na fin de semana anterior ás patronais. E con dous días. Cambiábase de século e cambiábanse as tradicións.

Xa antes, desde comezos dos 80, aparellada á inauguración da área recreativa que revolucionou Vilalba -antes non era máis ca maleza, bosque e o remanso do río, que había que atravesar por un caneiro ou nunha pequena barca-, a Xira sacode esta zona, para convertela ano tras ano no punto de encontro de familias, grupos de amigos e ata vellos compañeiros que se mergullan en dous días nos que a festa dura ata que o corpo aguanta. Este 2020 non suma e volve poñerse en marcha a conta atrás. Quedan 364 días.

Comentarios