A xira de Meira regresa á súa data logo de tres anos de ausencia e cambios

A cita campestre coa que se pechan as Festas do Quince volveu celebrarse o 17 de agosto tal e como marca a tradición meirega

As Festas do Quince son unha cita cun selo casi tan meirego como o do Pedregal de Irimia. Uns festexos aos que non falta ninguén, nin os que viven fóra e aproveitan cada agosto para volver ás súas raíces e reecontrarse con todos aqueles cos que fai un ano que non intercambian unhas verbas. Pero durante dous anos a pandemia rouboulles aos meiregos esta celebración que tamén o ano pasado se viu alterada polo seu cambio de data, tendo que movela ao sábado día 20 por mor das condicións meteorolóxicas.

Este cúmulo de circunstancias fixo que as ganas de recuperar a xira en toda a súa esencia se palpasen na xornada deste xoves no Porto da Pena, onde centos de veciños de Meira e da contorna se deron cita para despedirse das súas Festas do Quince.

E así foi, cando o reloxo aínda non marcaba as 14.30 o campo da sesión vermú comezou a encherse de sombreiros laranxas que lembraban aos despistados en que festexo se atopaban, a Xira de Meira 2023. Unha data marcada en vermello no calendario de todos os meiregos na que a empanada, as tortillas e o churrasco se converten nos protagonistas de todas as merendas. E é que en Meira despídense así, celebrando por todo o alto e bailando as pezas que fagan falta con tal de alargar a sesión vermú.

E tanto foi así que o Porto da Pena congregou aos veciños que deixaron o centro da vila case deserto dende o mediodía, cando aínda se podía ver algunha familia que apuraba os últimos recados para dirixirse ao lugar de encontro da xira, onde dende fai semanas xa estaban marcadas as parcelas para que ninguén perdese o seu sitio.

Aínda que todos seguen as mesmas tradicións e hai quen foi alargando a decisión de acudir á festa, tal e como lle aconteceu a Laura Rodríguez que co seu grupo de amigos "decidimos o xoves que viñamos e improvisamos, puxémonos onde quedaba oco libre", confesaba baixo o toldo do bar mentres todos tentaban resgardarse do sol e da calor que o tempo regalou o xoves á capital da comarca meirega e ao resto das xornadas das Festas do Quince, un factor que contribuiu a convertelas nunha das edicións con máis afluencia dos últimos anos.

"Levo dez anos na comisión e fai moito tempo que non vemos tanta xente nas festas" explicaba Miguel Rodríguez, satisfeito e agradecido pola acollida desta edición das festas na honra a Santa María e a San Roque.

Despedida

"Meira, día quince no mellor do verán./ Graciñas por vir á festa e por bailar,/ a toda a xente quixemos agradar./ Seguro, un grato recordo levarán" son as verbas coas que comeza o soneto co que Carlos Lozano e Miguel quixeron despedirse da comisión de festas, labor na que acumulan cinco e dez anos de experiencia respectivamente.

"Grazas a todos os que cota nos dan/ para as contas e gastos poder pagar./ Tampouco podemos deixar olvidar/ a quen coa porta nos fuciños nos dan", continúa a composición, que sentencia cun "é orgullo e honra que con nós sempre irán/ ter axudado a ver Meira "xoldar"./ Agardamos, en serio, non fose en van./ Toda a vida poderemos recordar/ ver nunha roda, toda a xente da man".

Comentarios