miércoles. 08.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.04.2020
El tiempo

Xiana Lastra: "Somos lobas e bandoleiras, as dúas invitan a ser reivindicativas"

Xiana Lastra, da Banda da Loba. RAMÓN YOSHIMURA
Xiana Lastra, da Banda da Loba. RAMÓN YOSHIMURA
É unha das cinco integrantes da Banda da Loba, que este sábado recalará nas Pontes e o día 29 en Vilalba para presentar Fábrica de luz, o seu segundo disco

Cantante e compositora da Banda da Loba, Xiana Lastra pon voz a unha agrupación que agroma arredor dunha bandoleira lendaria do século XIX. E se Pepa A Loba, que coñeceu terras chairegas, sobrevive ao paso do tempo protagonizando centos de páxinas e historias, A Banda da Loba vai camiño de facelo, enchendo salas e concertos cun público "ecléctico en gustos e en idades". 

Están comezando xira. Terán parada o sábado nas Pontes e o 29 en Vilalba. Como está sendo?  

Moito mellor do que esperabamos. Arrancamos en Redondela e xa foi unha sorpresa, cunhas 150 persoas no público, que en vilas pequenas está moi ben. A xente aínda non está acostumada a pagar por escoitar música e cada vez máis concellos poñen entrada. Ata hai pouco era gratis. 

E é mellor? 

Valoras a cultura e o traballo que hai detrás doutra maneira. 

O segundo concerto, en Santiago. 

Na Capitol, e xa foi a bomba, coa sala chea, unhas 400 e pico persoas. Foi súper emotivo, coa xente cantando dende o principio. 

É máis difícil ou máis cómodo subir ao escenario na casa?

As dúas cousas. Sénteste arroupada, foi un concerto súper especial, pero tes como máis responsabilidade, é máis esixente. 

Despois chegou Vigo e estaba programado A Coruña —tiveron que cancelar—. Quedan moitos concertos por diante? 

Da xira, de xaneiro e febreiro, son dez, pero temos pechados outros en marzo, maio e no verán. Imos a bo ritmo.

Presentáronse con Bailando as rúas, lánzanse agora con Fábrica de luz. Que diferencias hai? 

Hai sobre todo similitudes, pese a un lixeiro cambio de sonoridade, cambiamos a guitarra española por acústica e eléctrica, e pola madurez que temos como banda. Nótase, hai máis entendemento, compenetración... Pero seguimos na mesma liña, música moi diversa, sen atarnos a un estilo, quizais dunha forma máis radical, e letras baseadas en poemas. 

Hai unha canción deste disco, que xira en torno ao concepto máis amplo de nai: terra, lingua, creación..., adicado á súa e a esa tenda de reloxos das Pontes. Era a reloxería Pernas, aínda temos o cartel na casa, e estaba moi preto do Alovi. Era do meu avó e miña nai sempre contaba que ela imantaba os reloxos e despois non podía usalos porque as agullas paraban de xirar. 

Escribiuna "despois de que o seu tempo parase". É difícil afrontar unha canción tan persoal?  

Moito máis, sobre todo porque é unha persoa que xa non está na túa vida. É máis melancólica, dá peniña e estaba preocupada con como me iría no escenario. Nos ensaios controlábao bastante ben, pero custoume moito gravala. A primeira vez que a cantei en público foi moi emocionante pero conseguín controlalo. 

Son un grupo de cinco mulleres. O cartel de presentación, e o do feminismo, é un orgullo ou cansa? 

Sempre digo que non pretendemos ser un estandarte. Defendemos as ideas feministas e somos feministas. Vai intrínseco. Pero porque xa o somos cada unha de nós. Que se destaque non nos molesta, aínda que ás veces evidencia que non está normalizado, pero non nos importa que se saliente porque fai un traballo de concienciación. Cada vez hai máis mulleres instrumentistas, pero falta moito camiño e temos a responsabilidade de visibilizar ese problema e servir de referente. Adicamos o disco a nais creadoras que nos abriron camiño, como Xela Arias, Andrea Núñez, Celia Parra e Rosalía de Castro. Xa no anterior o fixemos con Rosalía Fernández Rial, Guadi Galego, María Manuela... pero habería moitísimas. 

Hai máis de lobas ou de bandoleiras sobre o escenario?

As dúas cousas, as dúas invitan á idea de ser reivindicativas e de loitar. 

Aparte da banda, é xornalista e está á fronte da produtora audiovisual Seispés Producións Creativas e representa a varios grupos. Como ve o panorama musical galego? 

Complicado. Vivir disto é inviable. Tes que ter moita sorte porque non hai unha industria potente. Hai grupos que consiguen abrirse camiño, pero non sei cal é a fórmula, porque para outros con traballos marabillosos é difícil conseguirlles concertos. 

Por falta de espazos ou apoios? 

Por falta de coñecemento e publicidade. Coñecemos unha parte moi pequena da música galega e o circuíto é bastante reducido. Hai unha cantidade de grupos impresionante. E hai moitos factores: apoios institucionais, a visibilidade que che dean os medios, como xestiones as redes sociais...

A que grupos representa agora? 

Teño como un catálogo amplo en Seispés dalgúns grupos, xente coñecida, amiga... É un escaparate pero o traballo é moi puntual. E hai outros grupos cos que fago máis traballo de management, como Grilo (rock), Monoulious DOP (rock, funk e bravú), a cantautora MJ Pérez ou Xiao Berlai, que ten libros discos. 

No seu currículo tamén hai libros discos. Foi coautora co seu pai, Xosé Lastra, de O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía. Haberá máis? 

É un proxecto de Xerais do que se está apartando e eu tampouco teño moito tempo (ri), pero foi un proxecto moi bonito no que aprendín moitísimo con María Manuela e Mini e Mero. Sentíame unha afortunada de traballar con eles. 

O da falta do tempo enténdese. Tamén traballa na asociación pedagóxica Nova Esola Galega. Os seus pais foron ambos mestres. Vai no ADN? 

Claro, ademais eran socios de Nova Escola. Eu levo a secretaría técnica, redes sociais, organizo actividades... 

Quedan moitas cousas por facer? 

Quedan moitísimas cousas por conseguir. A asociación fai un traballo moi grande, impresionante, e totalmente altruísta por mellorar as condicións no ensino. Sempre me alucinou o tempo que invisten, ademais non hai moitas axudas. 

Outra das batallas de NEG é o galego. Segue nun segundo plano?
A inmersión lingüística é unha das asignaturas pendentes de Galicia, sen dúbida. Cando eu estudei case todas as clases eran en lingua galega e a xente castelán falante non saía falando nun galego perfecto. As influencias fóra da aula superan con creces, por iso é importante. 

É outra etiqueta de presentación da Banda da Loba? O galego? 

Sempre dicimos que é algo natural e unha aposta firme de querer facelo así e que nunca vai cambiar. Non é algo raro agora. Temos bastantes grupos que fan música en galego pero si que é verdade que se che pechan portas de grandes festivais. O galego, igual que a terra, é para nós unha das nais que nos identifica. 

A Banda da Loba. FACEBOOK (A Banda da Loba)

"Miña nai era das Pontes e non quixo poñer Ferrol no meu DNI"
O seu DNI pon As Pontes pese a que nunca viviu alí.  
Miña nai era das Pontes e marcharon vivir a Ferrol. Daquela había como mala relación e quixo que no DNI puxese As Pontes. Despois viviron moitos anos alí e converteuse nunha chorrada. 
E cal é a relación con As Pontes?
Bastante. Meu pai e miña irmá están en Cuíña (Ortigueira), pero ela ten o seu posto de traballo nas Pontes. Teño aos meus curmáns e máis familia e conservo moitas amizades e xente á que quero. Teño saído moito de festa alí. 
O seu padriño é unha voz moi coñecida nas Pontes, e non canta. 
Xalo é un speaker de renome. 
Pepa A Loba é...
Non defendemos que se roube ou que se mate, pero foi unha icona de muller que fixo cousas e foi temida polos homes. 
Un escritor? 
Xabier P. Docampo. 
Un músico? 
Salvador Sobral. 
O mellor lugar para un concerto?
Calquera no que te sintas ben, da igual grande ou pequeno.
Un que lle encantaría? 
Moitos festivais de Galicia. Especial ilusión sería o Festival de Ortigueira, pero son consciente de que non encaixa moi ben. 
O mellor público? 
O que che demostra o seu cariño e o que te acompaña. Hai xente que ves que repite de concerto en concerto, iso ten un valor tremendo de gastos e tempo. 
O soño da banda? 
Temos todos bastante cumpridos. Non esperabamos a repercusión que tivo. En dous anos fixemos máis de 70 concertos. Xa estabamos moi contentas e o noso obxectivo é manternos, tes que conservar o teu lugar. A seguir a racha! 

Xiana Lastra: "Somos lobas e bandoleiras, as dúas invitan a ser...
Comentarios