Rábade Paredes gaña o I Concurso de Poesía Torre de Caldaloba de Cospeito

O segundo premio na categoría de maiores de 18 anos recaeu no ouresán Paulino Peña e, na modalidade de menores de 18 anos, os galardóns foron para Andrea Sanjurjo e Yare Brea

Xesús Rábade Paredes. HELENA VILLAR
photo_camera Xesús Rábade Paredes. HELENA VILLAR

O escritor cospeités Xesús Rábade Paredes, cun poemario presentado baixo o lema Torre de Caldaloba en Terras de Valverde, vén de facerse co primeiro premio do I Concurso de Poesía Torre de Caldaloba, organizado polo Concello de Cospeito en colaboración coa asociación de veciños de San Martiño de Pino e Culturalia GZ.

Na acta do certame, o xurado (formado por Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Xosé Otero Canto, Beatriz López Dorado e Montserrat González Álvarez) recoñece a obra gañadora "pola súa imaxinación, pola riqueza do contido histórico e antropolóxico e o xeito de enfiar un corpus poético, onde pasado e presente conflúen en torno ao símbolo que representa a Torre de Caldaloba".

O recoñecido escritor, natural da parroquia de Seixas, faise así cunha recompensa económica de 1.500 euros e verá publicada a súa obra no prazo dun ano, segundo recollen as bases do certame, que concede un segundo premio na categoría de adultos, que tamén inclúe a edición do poemario.

O primeiro premio de adultos conta cunha recompensa de 1.500 euros e a publicación do libro, edición da que tamén se beneficiará o segundo clasificado

Este foi para o mestre e escritor ourensán Paulino Peña Álvarez, autor dun libro presentado baixo o lema Na pel das árbores do vento, seleccionado "pola súa evocación dos sentidos, cun axeitado uso da retórica e da voz poética en forma de versos como trallazos que obrigan a pensar e deixan un suave pouso de recordo", segundo a valoración do xurado.

O concurso conta tamén cunha categoría para menores de 18 anos, cun primeiro e un segundo premio, dotados con sendos lotes de libros e cunha tablet ou un libro electrónico, respectivamente.

Os versos presentados por Andrea Sanjurjo Martínez, da Pobra do Caramiñal, en E nascendo finou aínda que xa se empoderaba convertérona na gañadora, mentres que o segundo premio foi para Yare Brea Espinosa, da Coruña, por Ciencia nun poema.

Todos recollerán os seus galardóns o vindeiro sábado 15, ás 18.00 horas, nun acto que terá lugar no local social de Pino.

Os dous menores premiados levarán un lote de libros e unha tablet ou un libro electrónico, respectivamente, que recollerán o día 15 no local social de Pino

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, amosou a súa satisfacción tanto pola boa acollida que tivo este certame, ao que concorreron en total máis de medio cento de orixinais, como pola "extraordinaria calidade" das obras presentadas, segundo a valoración feita polo xurado.

Castosa destacou que esta convocatoria, que nace con vocación de continuidade, contribúe a pór en valor "a creación literaria" e tamén "un elemento patrimonial como é a Torre de Caldaloba e ao propio concello". Ademais, quixo agradecer especialmente que alguén do prestixio de Rábade Paredes, que "ten un nome no mundo da literatura galega", apoiase o certame. "Cando abres o sobre e ves que é o gañador, envargounos a todos unha grande emoción" recoñeceu Castosa, porque tamén "é un veciño".

Comentarios