Xermolos prepara unha publicación sobre o capador Manuel García, finado aos 92 anos

A arte para "falar en verso" de Reinote, como o coñecían popularmente, centrará un novo número da colección As Raíces, con colaboracións e entrevistas. Dende a asociación cultural animan a quen o desexe a facer a súa contribución para esta obra 
Manuel García López, Reinote. XERMOLOS
photo_camera Manuel García López, Reinote. XERMOLOS

"Coñecía a todo o mundo e todo o mundo o coñecía a el, leva consigo moito saber popular", di Manuel Castro Santamariña, mestre xubilado e bo coñecedor da historia e da facilidade para "falar en verso" de Manuel García López, Reinote, o capador de Sesulfe, falecido o domingo 21 de febreiro aos 92 anos e sobre o que a asociación cultural Xermolos estaba a preparar unha publicación que agora se converterá nunha homenaxe póstuma.

"Era a alegría personificada", engade Santamariña, unha das persoas que prestou a súa axuda para darlle forma a esa obra que se prevé que vexa a luz no verán dentro da colección As Raíces e na que tamén participa o vilarego Jacobo Sánchez Quintela, Jaki.

Outro que se sumou ao proxecto foi o escritor e gran coñecedor da tradición oral Séchu Sende, quen lle dedicaba un artigo na última revista do Festival de Pardiñas, O Capador de Sesulfe: Falar em verso num mundo de gente que fala em prosa. Nel definía a Reinote coma unha persoa "extraordinaria" que era "historia viva da improvisación oral" e que usaba a poesía coma "unha ferramenta de traballo, abríalle as portas ao corazón da xente, facía brillar os ollos e enchía os peitos de palabras con rima".

"Hai un tempo que estamos a traballar nunha publicación para facerlle memoria, tendo xa varios encontros con el", apunta Xosé Antonio Arias, colaborador de Xermolos que en xaneiro de 2019 mantiña a primeira conversa con Reinote coa idea de ir recompilando os seus contos, chistes e versos.

Dende aquela sucedéronse varias reunións nas que non só tentou captar a súa creatividade coas palabras, senón tamén a "moita memoria" que o capador gardaba logo de percorrer aldeas e feiras durante boa parte da súa vida. E é que "para os capadores as feiras eran un sitio fundamental, onde concertaban as citas para ir traballar despois", conta Arias.

Dado o coñecido que era e que son moitos os que aínda lembran os seu humor subido de tono, dende Xermolos animan a quen o desexe a sumarse á obra: "Se alguén quere participar, xa que garda memoria dos seus versos, contos ou ten fotografías do Reinote, gustaríanos recollelas para engadir a esta publicación", din.

Transmítenlle, ademais, unha mensaxe de ánimo á familia deste popular regueifeiro que, igual que a súa compañeira de batallas Josefa Cabado, A Requecha —Xermolos tamén lle dedicou unha obra á regueifeira do Cando (San Salvador)—, sempre era quen de arrincar sorrisos do seu público.

Comentarios