martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

Xermolos e Riazor Blues organizan o día 17 o II Memorial Irmáns da Lexía

Presentación do II Memorial Irmáns da Lexía, na Coruña. EP
Presentación do II Memorial Irmáns da Lexía, na Coruña. EP
▶ O programa inclúe unha ofrenda floral, un xantar popular, un partido amigable e concertos
 

A asociación cultural Xermolos, a Irmandade Manuel María e os Riazor Blues, co apoio doutras entidades culturais, deportivas, políticas ou de memoria histórica, organizan en Guitiriz o vindeiro sábado, día 17, o II Memorial Irmáns da Lexía.

As actividades, que foron presentadas o mércores nun acto na Coruña, onde estivo presente a sobriña dos homenaxeados, Selva García, arrincarán ás 13.00 horas cunha ofrenda floral no Monolito da Santa Mariña, onde intervirán familiares e representantes de varias entidades. A continuación, haberá unha sesión vermú e un xantar popular no campo da festa desta parroquia guitiricense, para o que se poderán adquirir os tickets a través das distintas asociacións organizadoras.

Na sesión de tarde, os asistentes trasladaranse ao campo de fútbol Noreña Basanta, en Parga, onde se disputará o II Trofeo Bebel -que leva o nome dun dos tres irmáns da Lexía, que militara no Deportivo da Coruña-, un encontro amigable no que medirán as súas forzas o Parga FC e o CDX Aranga.

Trala proba deportiva, a homenaxe volverá de novo á Santa Mariña, onde Jaurés, Bebel e France foran capturados logo de fuxir da Coruña coa idea de escapar a Asturias despois do golpe de Estado de 1936, e onde dende o pasado ano comparten un monolito con Alfonso Blanco Torrado, o coordinador de Xermolos e cura da parroquia, que foi quen recuperou a tráxica historia dos Irmáns da Lexía.

Blanco Torrado, que tamén acudiu á presentación do memorial, precisou que este tipo de iniciativas axudan a "conservar a memoria para crear futuro de paz, boa convivencia e harmonía". 

"A xente nova por falla de tempo ten falta de coñecemento, vive na desmemoria que nós lle transmitimos", engadiu, lembrando que este memorial que quere traer o pasado de volta ao presente, e que ten vocación de continuidade, coincidirá "co Día da Galiza mártir".

Os actos do II Memorial Irmáns da Lexía prolongaranse ata ben entrada á noite, con concertos de Nuada -que repite sobre o escenario-, Nao e Sondarúa, "comprometidos co noso país".

Xermolos e Riazor Blues organizan o día 17 o II Memorial Irmáns da...
Comentarios