Xermolos e Riazor Blues organizan o 26 o I Memorial Irmáns da Lexía en Guitiriz

Disputaranse partidos amigables no I Torneo Bebel ► A sobriña dos homenaxeados acudirá aos actos

Monolito da Santa Mariña. C. PÉREZ
photo_camera Monolito da Santa Mariña. C. PÉREZ

A asociación cultural Xermolos, a Irmandade Manuel María e os Riazor Blues, co apoio de numerosas entidades culturais, deportivas, políticas ou de memoria histórica, organizan o vindeiro día 26 deste mes en Guitiriz o primeiro Memorial Irmáns da Lexía. Esta lembranza popular, que nace con vocación de continuidade, contará con diversos actos tanto en Guitiriz coma na parroquia de Santa Mariña.

As actividades darán comezo ás 11.00 horas no campo de fútbol Suso Cruz, onde xogadores de categorías alevín e xuvenil de Guitiriz e da Coruña se medirán entre si, como introdución á disputa do I Trofeo Bebel –un dos tres irmáns da Lexía, que militara no Deportivo–, no que se enfrontarán os Riazor Blues cun equipo formado por xogadores guitiricenses.

Tralas probas deportivas, a homenaxe trasladarase á Santa Mariña, onde Jaurés, Bebel e France foran capturados, logo de fuxir da Coruña nos comezos da Guerra Civil, e onde dende o pasado día 8 de xullo comparten un monolito con Alfonso Blanco, o coordinador de Xermolos e cura da parroquia, que foi quen recuperou a tráxica historia dos Irmáns da Lexía.

A partir das 14.15 horas, farase unha ofrenda floral na que non só se lembrará aos Irmáns da Lexía, senón tamén a os descoñecidos que están soterrados na fosa común do cemiterio de Santa Mariña. Ademais, falarán o propio Alfonso Blanco e Selva García, sobriña dos homenaxeados e filla de Pepín García quen logrou evitar o destino de seus irmáns ao conseguir fuxir e exiliarse en Arxentina.

A continuación, tamén na Santa Mariña, celebrarase un xantar de irmandade, a base de paella e de churrasco, para o que se porán a venda os tickets nos vindeiros días e ao que está previsto que acudan polo menos un cento de persoas da Coruña. E xa na sobremesa haberá música, da man de Bloquiño de Xermolos e do grupo rock Nuada, de Teixeiro.

Comentarios