Xermolos nomea Chairego de Honra a Raúl Galego, "un mestre da cultura galega"

Numerosos amigos arrouparon ao Gaitieiro Nubeiro no acto celebrado no CCR de Vilalba

"Mira cantos amigos ten papá", dicíalle unha voz ao pequeno Amaro Galego no trancurso do acto no que o seu pai, Raúl, era nomeado oficialmente como Chairego de Honra, en recoñecemento ao labor desenvolvido por "un mestre gaiteiro, un mestre da cultura galega". Así o definía o músico Xurxo Souto, un dos encargados de pórlle voz a esta homenaxe promovida pola Irmandade Manuel María e a asociación cultural Xermolos.

E esa voz non se trabucaba, como probaron todos os que encheron o salón de actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba para arroupar ao Gaiteiro Nubeiro. "Sigo na idea de que esto é algo excesivo, se me creo todo o que me dicides...", confesou o protagonista do acto ao tomar a palabra, xusto antes de definirse a si mesmo coma "unha pouquiña cousa que se aferra a pretender darlle dignidade a un elemento que é indicador da nosa cultura, a un instrumento único e universal".

Malia aos reparos por ver unido o seu nome a unha nómina de xente que inauguraba Fiz Vergara Vilariño hai xa 27 anos, Galego aceptou a distinción en nome dese "gaiteiro anónimo e reivindicativo que é bandeira da nosa cultura", avogando por "fomentar a nosa música, é a que temos que defender, como cultura que é nosa, igual que o idioma".

"A nosa gaita respira, traspira, ten acento no idioma, fala en galego", dixo o intérprete, que fixo soar a súa inseparable gaita ao peche do acto, acompañado por varios músicos, algúns deles integrantes dun dos grupos dos que forma parte, o da asociación cultural Millo Verde.

A improvisada formación púxolle banda sonora á homenaxe, na que outro músico, Pepe Quintas Canella —nomeado Chairego de Honra en 2017 xunto a Miro Casabella— lle entregaba a Raúl Galego o diploma que o converte en membro de pleno dereito da "tribo" dos chairegos, como ben lle recordaba outro dos poñentes do acto, o músico, mestre e escritor Mero Iglesias.

"Este acto serve para darlle publicamente a nosa amizade a persoas que se achegaron a nós sumando traballo e esforzo, loita da verdadeira", lembraba tamén Mero, cualificando a Raúl coma un "instrumentalista de alentos e de sentimentos".

O coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que desexou que Raúl, natural da Golada, siga a formar parte dese camiño común, e o mestre e escritor David Otero completaron a ronda de intervencións ao redor dun "cómplice de nós", un "militante na identidade" que está "sempre presente", coa súa música para "non perder a memoria nin a identidade", segundo salientou Otero.

Un poema de Xoán Xosé Fernández Abella ou verbas dos que quixeron acompañar a Raúl malia a distancia física completaron a primera parte deste acto no que o xornalista Xulio Xiz volveu ser o mestre de cerimonias. A segunda parte tivo lugar no restaurante Lanzós, onde se congregaron preto de medio cento de amigos e familiares do Gaiteiro Nubeiro para facer súas as verbas de Xurxo Souto: "Eu quero ser gaiteiro, eu quero ser Raúl Galego".

Comentarios