A asociación cultural Xermolos de Guitiriz participa activamente na conmemoración dos actos do 50 aniversario do Centro Galego de Laudio (Álava). A entidade galega achega unha exposición das táboas pictóricas sobre autores chairegos do desaparecido artista de Castro de Rei Anxo Lamas, que pode verse ata o sábado 18 na casa da cultura da localidade.
Neste espazo pódense visitar tamén outras dúas mostras, unha sobre a vida e a obra do poeta obreiro e emigrante galego Manuel Rodríguez López e outra que aborda o exilio galego en Venezuela.
A celebración do cincuentenario do Centro Galego de Laudio, que coincide co mes das Letras Galegas, viviu un dos seus puntos álxidos a comezos deste mes de maio, coa inauguración das mostras e dunha placa, obra do canteiro e escultor Valdi, tamén colaborador habitual de Xermolos, na que se pode ler: "Fai 50 anos sementastes unha semente coa vosa Fundación. Día a día fóstela regando e coidandoa. A árbore medrou e deu os seus froitos. Parabéns a tódolos socios. Centro Galego de Laudio, 4 de maio de 2019".
Xermolos mantén unha relación permanente co Centro Galego de Laudio, onde ten participado en actividades sobre Manuel María o Xosé María Díaz Castro dende o ano 2002, ademais de proxectar alí a curtametraxe 'A chave de Bascuas', obra do guitiricense Bruno Pena.
Outro colaborador habitual de Xermolos, Raúl Río, natural da parroquia guitiricense dos Vilares e emigrado hai anos a Euskadi, tomará a palabra este venres 17 de maio no centro galego para presentar a proxección de Galicia en Venezuela, un documental sobre o exilio e a emigración galega a ese país, editado pola Fundación para o estudo e a divulgación da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga).
Os actos conmemorativos do cincuentenario, que contan co apoio da Peña Deportivista Anduriña e do Concello de Laudio, terán continuidade o resto do ano.