miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

Xermolos honra a Jimena Fernández de la Vega cun amplo programa

Ana Jesús López Díaz, na charla no instituto. C.ARIAS
Ana Jesús López Díaz, na charla no instituto. C.ARIAS
O colectivo guitiricense quere recoñecer o labor da muller á que se lle dedica o Día da Ciencia este ano e que foi médica do balneario

Guitiriz conseguiu o maior recoñecemento nas letras en 2014, con Díaz Castro, e agora pode presumir de facelo na ciencia, con Jimena Fernández de la Vega. E o colectivo Xermolos, grande impulsor na divulgación da obra do poeta, volve coller as rendas para poñer en valor o labor dunha muller pioneira que traballou durante varios anos no balneario de Guitiriz e que foi recoñecida como Científica do Ano.

Despois de convocar un certame artístico co seu nome nas Letras Galegas, Xermolos prepara un amplo programa de actos, que esta semana chegou ao instituto.

"Temos a experiencia neste centro de loitar por Díaz Castro, que resultou un ano precioso, e con esa experiencia tamén queremos impulsar agora a unha gran científica ligada á Terra Chá" , indicou Alfonso Blanco, o coordinador de Xermolos, que recordou que o 8 deste mes, coincidindo co Día da Ciencia, xa se fixo unha festa con grupos de gaitas para que a xente se enterase na rúa .

As charlas comenzaron no IES Díaz Castro da man de Ana Jesús López Díaz, coordinadora da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia e profesora da USC, que falou das mulleres na ciencia e da falta de visibilización.

E falou de varias. Unha delas foi Jimena Fernández de la Vega. Nada en Vegadeo, pasou a súa adolescencia en Lugo, coa súa xemelga, Elisa, e ambas fixeron historia, converténdose nas primeiras licenciadas da facultade de Medicina da USC nunha época na que as mulleres non tiñan espazo nas aulas. A súa relación con Guitiriz comenza na década dos anos 50, cando se converte na médica do balneario. Foi unha grande investigadora en xenética e en hidroloxía, a aplicación da auga nos balnearios á medicina. "E traballou moito no estranxeiro pero falta moito por facer para que sexa recoñecida como merece", di Blanco Torrado, que fai fincapé na importancia de "manter a memoria dos pobos e da xente que contribúe". 

As actividades continuarán o día 30, ás 19.00 horas, na Casa Habanera, cunha conferencia de Susana Bayo Besteiro, física e investigadora guitiricense na Universidade de Vigo. Falará sobre As bondades de romper coas fronteiras nun acto aberto a todo o público.

O 11 de novembro, ás 13.00 horas, o programa continuará coa comunidade educativa e o instituto acollerá unha táboa redonda de tres exalumnas, Laura Losada, Eva López e Sonia Gómez, que traballan actualmente no ámbito da medicina.

"Vai haber máis actividades, queremos implicar aos centros de ensino e ao Concello de Guitiriz", destacou o coordinador de Xermolos, que avanzou que queren facer algo nas inmediacións do propio balneario. 

Xermolos honra a Jimena Fernández de la Vega cun amplo programa
Comentarios