Xermolos edita dous discos e un DVD do concerto do 40 aniversario de Pardiñas

A presentación de 'Cantando as Corenta', que contará coa presenza de varios dos protagonistas, será o día 14 na casa Habanera de Guitirz
Richi Casás e Xurxo Souto, en cantando as Corenta. XESÚS PONTE
photo_camera Richi Casás e Xurxo Souto, en cantando as Corenta. XESÚS PONTE

Hai momentos únicos que merece a pena recordar sempre e, como a memoria non sempre axuda, resulta útil ter un soporte físico que os perpetúe. Iso mismo debeu pensar a asociación cultural Xermolos, que o vindeiro sábado 14 presentará, ás 20.30 horas na Casa Habanera de Guitiriz, un digipack do concerto Cantando as Corenta, un recital de tres horas que na noite do domingo 4 de agosto conmemoraba o XL Festival de Pardiñas.

A produtora pontevedresa Casa de Tolos encargábase de recoller en alta resolución "un feito único na música galega", tal e como Xurxo Souto, o mestre de cerimonias, definía un espectáculo para o que se creou ata unha banda, Pardiñazo, dirixida por Richi Casás.

Boa parte dos integrantes desta, xunto con Susana Seivane, Antón Reixa, Pepe Vaamonde, Xosé Manuel Pereiro ou Xurxo Souto, asistirán á presentación do DVD que recolle o concerto íntegro e do dobre CD que inclúe os temas que todos eles interpretaron. A edición complétase cun libreto de 24 páxinas con fotografías, un listado das pezas ou un texto de presentación do evento asinado por Souto.

O digipack poderase adquirir en locais de Guitiriz, de Lugo e da Coruña neste Nadal pero, como avance, na Casa Habanera proxectarase un trailer do mesmo e poderase gozar en directo dos seus protagonistas, xa que haberá intervencións e actuacións en directo, tanto na presentación coma na posterior Cea de Amigos de Xermolos.

O tradicional encontro, que terá lugar no restaurante La Casilla a partir das 22.15 horas, retrasouse —sempre se organizaba polo Samaín— para facelo coincidir coa presentación deste proxecto. Dende a asociación cultural animan a todo o mundo a asistir á cea ou á foliada posterior, na que tamén estarán os músicos e artistas da banda Pardiñazo e de Cantando as Corenta.

As entradas, con un custo xeral de 22 euros e de dez para os menores de doce anos, pódense adquirir ata o mércores 11 no Centro, Xoldra, Soa, Flamingo, Foto Suso, Kantero, a través dos nenos de Xermolos ou chamando ao 608.58.90.12.

Comentarios