Xermolos aposta pola arte urbana

Os integrantes máis novos da asociación de Guitiriz retomaron o Urban Witiricus
undefined
photo_camera Obradoiro de graffiti. C. PÉREZ

"Ben". Foi unha reposta unánime e precisa a unha pregunta sinxela: que tal obradoiro de graffiti? Non precisaban dicir máis. Aínda que se alguén quería probas, abondaba con ver os botes de spray esgotados, a explosión de cores, os experimentos cromáticos con luvas ou follas e a ausencia total de ocos en branco no lenzo para convencerse de que o obradoiro de graffiti do Urban Witiricus resultou todo un éxito.

undefined
Algúns dos artistas das actuacións nocturnas. C. PÉREZ

"O único obxectivo foi que comprendan, que estean cerca do bote e que vexan como é", explicaban os lugueses Adrián e Manuel, encargados de impartir un obradoiro que adoita ter boa acollida. "Aos nenos isto sempre lles gusta", din uns artistas que non lles deron máis pautas que as necesarias para saber como manexar o spray, ademais de facer unha base co nome de Guitiriz. O resto, liberdade creativa e moita ilusión.

Non foi o único achegamento ás artes urbanas da que gozaron este sábado os participantes no festival promovido polo grupo xuvenil de Xermolos, pois tamén aprenderon técnicas para superar barreiras urbanísticas a base de chimpos grazas a un obradoiro de parkour impartido por Adrián.

E o obxectivo de Xermolos, que recuperaba o formato individual desta proposta logo de dous anos enmarcada na programación do Festival de Pardiñas como consecuencia da pandemia, é ir un paso máis alá. Xa o querían facer antes do covid, pero houbo que agardar ata que as circunstancias favorecesen a súa idea, que non é outra que promover unha programación regular, en colaboración cos colexios, para que os escolares se acheguen a estas e a outras artes urbanas.

E aí tamén podería entrar a música, para crear ritmos e sons coma os que se escoitaron este sábado no aparcadoiro do Campo da Feira de Guitiriz da man de Guaja D (Asturias), Willow (As Neves), Kali (Lugo) e Dj Losi (Guitiriz).

NESUI. O festival inclúe tamén a creación dun mural. Se previamente Diego As homenaxeou a Xermolos ou a aposta pola educación dos emigrantes, agora outro gran artista lugués, recoñecido polos seus retratos, inspirarase "en el rural gallego" para crear outra gran obra de arte urbana en Guitiriz. Nesui, afincado en Málaga, comezará a traballar a vindeira fin de semana no lateral do bar Avenida.

Comentarios