Os investigadores Gómez Vila e Antonio Riveira radiografan os xermadeses de antano

Colaboraron na investigación da prehistoria de Xermade, documentando mámoas, abrigos ou upedras chantadas

Gómez Vila e Riveira, autores do traballo premiado. EP
photo_camera Gómez Vila e Riveira, autores do traballo premiado. EP

COMPLETAR O estudo arqueolóxico de Xermade. Esta era a idea que tiñan en mente o arqueólogo e profesor Javier Gómez Vila e o enxeñeiro técnico agrícola e investigador Antonio Riveira cando uniron forzas para repasar 17.000 anos de historia xermadesa, que deron pé a Xermade na Prehistoria. A paisaxe arqueolóxica no Paleolítico, megalitismo e Calcolítico, traballo gañador do IV Premio Xermade na Historia.

"Eu levaba moito tempo investigando, teño un gran arquivo material e físico e na anterior edición Javier e eu falamos de facer algo entre os dous e botamos este ano traballando con maior dedicación", lembra Riveira. "Xermade ten moitísimas mámoas e son impresionantes, de moita envergadura e de distintas épocas", asegura Gómez Vila, que incide en que o municipio "é unha zona moi rica en historia", só que apenas se coñecía porque non había investigacións, circunstancia que xusto trata de reverter a convocatoria impulsada polo Concello de Xermade, a USC e a asociación veciñal de Cabreiros.

"O premio non é máis importante, co que quedamos é co gusto de poder traballar no que nos gusta e que ademais o noso traballo poida ser útil», apunta Antonio, precisando que a investigación abrangue «unha época que non estaba documentada feacientemente, dende o 17.000 a. C. ata cerca da nosa era". É dicir, as etapas prehistóricas do Paleolítico Superior, que é cando "comeza a haber referencias da existencia de habitantes en Xermade", a época do megalitismo e o Calcolítico.

Javier especifica que o traballo conta con dous apartados básicos. Por unha banda, fan un inventario de todas as mámoas e outros elementos existentes no municipio, coa súa situación e características. Así, documentaron un total de 160 túmulos, 16 deles aínda sen catalogar, entre eles varios dos que apenas se conservan vestixios. Por outro lado, fan unha análise de todos os elementos localizados, "porque non nos podemos quedar só no que hai, tamén hai que explicar quen vivía alí ou cantos habitantes había, comparándoo con outros lugares de Galicia", precisa Gómez Vila.

Dese detallado estudo extraen distintas conclusións, como que na actual superficie do concello antano habitaban cinco grupos humanos diferenciados, cada un deles no seu poboado -probablemente en vivendas de madeira das que non se conserva nada- e grupos de mámoas para enterrar os seus mortos.

"Esa dispersión da sociedade como arqueólogo paréceme interesante, igual que a evolución da poboación, que cambia ao chegar os castros", explica Javier, que tamén precisa que os camiños se foron creando ao carón deses agrupamentos de mámoas, todas aínda sen estudar agás as de Abelleira, onde Fermín Bouza Brey fixo escavacións nos anos 70. De feito, o traballo inclúe o seu diario de arqueólogo, onde documentaba o seu labor, quen lle axudaba ou os distintos achados realizados.

ENTREGA. Javier Gómez Vila e Antonio Riveira recolleron este sábado o premio. A casa escola de Cabreiros acolle o acto de entrega a partir das 10.30 horas, nun acto presentado polo profesor Jesús Rodríguez e que contará con representación das entidades promotoras e da Deputación, que custea os 3.000 euros cos que está dotado este certame con fondos do plan único, 2.000 para o proxecto gañador e 1.000 para o segundo clasificado.

Ademais dos gañadores, ambos repetidores tras obter Gómez Vila un galardón na primeira edición e Riveira na terceira, tamén acudirá María José Rodríguez, cuxa investigación Patrimonio artístico-relixioso do concello de Xermade; igrexas, capelas e ermidas a fixo merecedora do segundo premio.

A organización xa convocou tamén o V Xermade na Historia, cuxo prazo de presentación de proxectos está aberto ata febreiro de 2019. E quen sabe se Javier e Antonio volverán concorrer. Ideas non lles faltan. Aos dous lles anda nos miolos a mesma posibilidade, investigar unha variante da vía romana que unía Lucus Augusti con Betanzos, que discorría por Guitiriz cara a costa luguesa atravensando Xermade.