Xermade busca fondos para a posta en valor de Pena Corval

O Concello preséntase a unha convocatoria de Reservas da Biosfera para facer un estudo arqueolóxico no posible abrigo milenario
2021041112310514360
photo_camera Pena Corval, en Cazás. EP

O Concello de Xermade busca financiamento para o estudo e a posta en valor do posible abrigo milenario de Pena Corval, tamén coñecida como Pena do Encanto, que está situada na parroquia de Cazás.

O goberno local, tras unha proposta do grupo municipal do PP, decidiu presentarse a unha convocatoria de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o estudo, conservación e rehabilitación de patrimonio natural e cultural dentro da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, que están confinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O obxectivo desta iniciativa é promover actuacións no contorno de Pena Corval que inclúan traballos de limpeza, sinalización e o acondicionamento do acceso, para o que sería necesario construír unha escaleira para salvar o desnivel actual, que é duns dez metros para chegar á base.

Dentro da proposta tamén se busca obter financiamento para promover un estudo arqueolóxico con catas de exploración para obter datos e posibles restos de habitabilidade e poder así corroborar que, como apuntan moitos indicios, este lugar foi un abrigo prehistórico, similar a Pena Grande, na parroquia vilalbesa de Santaballa. Pena Corval está dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e atópase na beira do río Labrada, na parroquia de Cazás, pero nunha zona alta, o que lle concede moi boa visibilidade.

A maiores do estudo do patrimonio material, a iniciativa busca complementar as actuacións coa conservación do hábitat vexetal e animal e cunha recompilación das lendas. E son moitas as que se foron conservando co paso do tempo. Algunhas, como a da vella que levaba a pena na cabeza e a soltou alí, buscan darlle unha explicación á súa orixe, mentres outras falan dun lugar máxico, como a que conta que na noite de San Xoán aparecen por alí os pitiños de ouro ou unha máis que di que hai un túnel subterráneo que pasa por debaixo do río e enlaza ese lugar co castro da igrexa.

Comentarios