Ana Lago: "A xente chama para preguntar se pode vir beber a agua da fonte"

O 11 de maio é a data sinalada pola cadea hoteleira Iberik para recibir os primeiros clientes do que será o seu sexto establecemento, o Gran Balneario de Guitiriz & Golf, á fronte do que se sitúa unha namorada do sector, disposta a traballar para que o emblemático complexo volva ser un referente do termalismo mundial.

Ana Lago, no exterior do Iberik Gran Balneario de Guitiriz & Golf. C.P
photo_camera Ana Lago, no exterior do Iberik Gran Balneario de Guitiriz & Golf. EP

Natural de Muros, formada no Centro Superior de Hostalería de Galicia e logo dunha longa traxectoria, sobre todo en establecementos galegos das cadeas Barceló, Meliá ou Oca, Ana Lago chegaba en outubro a Guitiriz para facerlle fronte a un reto que non é novo para ela, pór en marcha un hotel, aínda que neste caso se trate dun tan significativo coma o histórico balneario, que reabre as súas portas como Iberik Gran Balneario de Guitiriz & Golf. 

Hai nervios de cara á apertura? 
Non, hai responsabilidade, pero non nervios; ocupación, pero non preocupación. 

Que van atopar os clientes? 
Un hotel e balneario reformado, cunhas instalacións novas pero mantendo sempre a esencia do antigo balneario, a maxia especial do lugar, que esa xa non nos corresponde a nós senón que a ten o propio sitio. 

Que se conserva de sempre e cales son as grandes novidades? 
O que é a estrutura do edificio e os servizos en esencia son os mesmos, adaptados á etapa actual. Un hotel de 103 habitacións como había antes, cafetería, restaurante... Mantense todo o do balneario e o circuíto termaqua, aínda que se cambiou un pouco a piscina central. Dende o noso punto de vista mellorouse, xa que agora é moito máis activa. 

Cales son principais obxectivos nesta nova etapa? 
Reposicionar o balneario no lugar que sempre tivo e que cremos que se merece. Chegou a ser un referente en Galicia e en España e incluso a nivel internacional. 

Con canto persoal contan? 
Imos comezar cunhas 50 persoas, e logo iremos incorporando en función da necesidade. 

E provedores? 
Temos un número deles cos que xa traballamos a nivel compañía, pero tamén estamos tentando incorporar algún da zona, por exemplo para a torta de millo, que queremos ofrecer nos nosos almorzos, e hai algún máis local co que queremos traballar. 

Gustaríanos formar parte do pobo, é importante que os veciños sintan que poden vir e que nos encanta que veñan

Ser consciente do que significa este lugar para Guitiriz, engade presión?
Si, por suposto. Normalmente os hoteis vivimos un pouco de costas aos pobos, pero aquí o concepto é distinto. É unha das principais institucións que ten Guitiriz. 

Cal será a relación co pobo? 
Gustaríanos formar parte do pobo. É primordial, por parte de Iberik e tamén pola miña, formar parte do lugar onde está o establecemento que dirixo, porque aínda que os veciños non veñan durmir, é importante que sintan que poden vir e que estamos encantados de que veñan, que nos visiten e formen parte dos nosos clientes. 

As augas da Fonte de San Xoán xa se recomendaban no século XVIII pero, como é o termalismo do XXI? 
Non ten nada que ver nin con cando abriu o balneario a comezos do século pasado nin co resto do XX, nin case cos comezos deste. Cambiou moito nas últimas dúas décadas. Agora a xente busca máis relax, non tanto o terapéutico, que era o que primaba antes. Aínda así, algo que me chama moito a atención aquí é que a xente chama para preguntar se pode vir beber a auga da fonte, unha cousa que noutros balnearios non pasa. 

Serán a sede do Encontro de Vilas Termais en 2024, por que se embarcaron nesta iniciativa? 
Era un compromiso facelo aquí en canto se poidese e é algo que nos alegra enormemente, porque ser sede é importante para un balneario e no noso caso, sendo o primeiro ano, moito máis. 

Dicía que, a nivel persoal, se se traballa no sector hoteleiro en Galicia, chegar a un referente coma este era un reto cumprido. 
Si, dentro de todos os establecementos de Galicia, dirixir o de Guitiriz é un orgullo personal e profesional. 

Como foi que acabou aquí? 
Foi un regalo que me fixo a vida, quero pensar que por apostar por Galicia e polo sector hoteleiro de aquí, que ten un gran percorrido e un mérito importante. 

Estivera antes? 
Si, na cafetería, na planta baixa, pero non como cliente do hotel. 

E que foi o que máis a sorprendeu ao chegar agora? 
O estado de deterioración no que estaba a instalación. 

Como é o día a día dunha directora de hotel? 
Non hai un día igual nunca, porque o noso principal foco é a atención ao cliente e dependemos deles para definir o día. Hai traballo de oficina, pero amóldase en horario á demanda do cliente. 

O cliente sempre ten razón? 
Díxome un profesor hai moitos anos que sempre ten a razón ata que a perde. É o noso centro, pero non sempre ten razón. 

Ten horario? 
Claro! Non traballamos 24 horas ou teriamos un problema. Hai días máis longos ca outros e descansamos moitas veces cando o resto da xente traballa, pero iso tamén ten cousas positivas, permíteche ir ao banco, gozar de estancias noutros lugares cando hai pouca xente... 

Que non se ve deste traballo? 
O hoteleiro e o hosteleiro, sobre todo dende a pandemia, ás veces vese como un sector terrible no que as condicións de traballo son malas e para nada é así. Traballamos na industria da felicidade e coma en todos os traballos hai días complexos, pero ten ese punto de satisfacción persoal que é alegrarlle un pouco a vida aos demais, no noso caso en concreto nun momento de ocio, de descanso e de compartir coa súa xente. 

Veuse vivir a Guitiriz, xa é unha veciña máis? 
Si, penso que si. A moita xente chamoulle a atención pero para min é moi importante formar parte do lugar onde estou. Vivir noutro lado tenme menos lóxica, tes que formar equipo co lugar. 

De pequena, víase gobernando un lugar así ou nada que ver? 
Sempre me gustou todo o relacionado coa comida, coa gastronomía, todas esas cousas. E non tan pequena, indo de Santiago a Muros, recordo pasar unha vez por diante do Centro Superior de Hostalaría e dicirlles a meus pais 'eu algún día quero estudar aquí'. Así que supoño que dalgunha maneira, xa me vía.

Comentarios