SONIA VILLAPOL, neurobióloga pastoricense que vive en Estados unidos

"A xenerosidade e a empatía da xente poden ser a mellor vacuna"

Dende que comezou a crise do coronavirus trata de resolver dúbidas e de concienciar á poboación da necesidade de cumprir con todas as medidas decretadas a través da publicación de artigos escritos en castelán
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Sonia Villapol. ARCHIVO

A neurobióloga Sonia Villapol, natural de Bretoña (A Pastoriza) fala de como se percibe a crise do coronavirus dende EE.UU., onde reside. É profesora do Instituto Methodist de Houston e da universidade Weill Cornell de Nova York e, aínda que quere deixar claro que a epidemioloxía non é a súa especialidade, publica artigos para transmitir a información das últimas investigacións que están saíndo.

Insiste na idea de que o coronavirus non é unha gripe.

Non e é importante deixalo claro para que a xente tome conciencia. Contáxiase máis rápido. Na gripe unha persoa pode contaxiar a outra. Con este virus un pode infectar a tres. A transmisión é máis alta e non estamos inmunizados nin o coñecemos. A gripe levamos anos e anos estudándoa.

Como se vive a crise en EE.UU.?

Estamos esperando a que chegue o que chegou aí. Levamos xa dúas semanas na casa cos colexios pechados. En Texas, que ten a mesma extensión que España, xa pecharon dende que había 26 casos. Eu pechei o laboratorio fai unha semana pero aínda a día de hoxe a xente está nos seus traballos, aínda que nos supermercados non queda comida. Aquí en EE.UU. as leis van máis por estado, pero creo que a xente aínda non se concienciou da gravidade da situación.

Que medidas se tomaron aí?

Pecháronse os aeroportos, isto é grave e histórico. E a maioría das compañías non traballan.

Nun sistema sanitario como o estadounidense. Quen asume o custo das probas? Estanse facendo?

Vai moito por estados. Vas ao hospital e fancha sen problema cando chegas. No Texas Medical Center están a facerse probas gratuítas, moito antes de obrigar á xente a quedar na súa casa. No estado de Texas hoxe temos 223 diagnosticados e tres mortos. En todos EE.UU. suman 11.274 infectados.

E os que non teñen seguro?

Acaba de aprobarse facer as probas gratis. Estanse facendo e estanse identificando os casos. Estase investigando a través de moitos grupos de traballo para desenvolver un dispositivo novo de moi baixo custo, un test moi rápido para o diagnóstico e continuamente estanse publicando artigos. Nunca se veu esa explosión de artigos a nivel de cooperación científica. Todo o mundo está traballando.

A xente en EE.UU. está preocupada. O que se ve dende aquí é que España é a segunda e que en Italia o pico pode agravarse

Como se preparan no seu hospital, no Texas Medical Center?

Están informándonos todo o tempo. Aquí temos uns sistemas de emerxencia moi alerta porque vivimos moitas crises. Hai furacáns tódolos veráns, as inundacións… Estamos moi preparados. Pero en Texas os hospitais non terán camas suficientes para pacientes con coronavirus se enferma moita xente á vez.

Como se percibe España?

A xente está preocupada. O que se ve dende aquí é que España é a segunda e que en Italia o pico pode agravarse.

O virus chega para quedar?

Non é a miña especialidade. Pero publicouse un artigo de que probas en monos demostran que teñen inmunidade. É moi bo sinal.

Seus pais viven en Bretoña. Que lles recomenda?

Que estean na casa, que non se movan. Miña nai é grupo de risco. É importante para todos cumprir as normas, evitar calquera tipo de contacto e non saír, porque se pasa algo e teñen que ir ao hospital iso pode saturar máis a sanidade. Se o sistema queda colapsado o grave será para os maiores, as persoas co sistema inmunitario débil, xente con cancro… aos grupos máis vulnerables hainos que protexer. É unha falta de educación e de respecto saltarse iso.

É necesario algo de medo?

Ás veces fai falta algo de medo. A xente ten que ser consciente de que cando o coronavirus chegue aos grupos que o precisen se non hai nada para darlle no hospital morren. Iso é catastrófico. Hai que ser conscientes e responsables, por nós e polos demais, e evitar visitar a familiares enfermos ou maiores porque xa se demostrou que o 86% das persoas sen síntomas contaxian a enfermidade. A xenerosidade e a empatía da xente poden ser a mellor vacuna. Isto só se para baixando a curva, e para iso hai que pasar os 14 días.

Chegarán 14? Algúns xa barallan que o estado de alarma en España terá que prorrogarse.

Dende que te infectas o 2% das persoas graves teñen reacción aos dous días. O 97% da xente nos primeiros dez días. E se en 14 non hai síntomas é que non estás contaxiado. Os 14 días son fundamentais, pero en canto ao estado de alarma depende, porque para volver á normalidade o importante é que o sistema hospitalario empece a recuperar forza. Os nenos poden estar infectados e non notárselle. Ese é o perigo deste virus, que pode ser asintomático. Pero segundo os estudos publicados, ningún neno de menos de nove anos morreu en China.

Comentarios