Xabier P. Docampo e Xosé da Flor serán recordados no Pedregal de Irimia o sábado

A Irmandade Manuel María e Xermolos organizan a sexta Festa da Afirmación e a Dignidade en colaboración co Concello de Meira

Xabier P. Docampo y Xosé da Flor. EP
photo_camera Xabier P. Docampo y Xosé da Flor. EP

A Irmandade Manuel María e a asociación cultural Xermolos organizan este sábado a sexta edición da Festa da Afirmación e a Dignidade no Pedregal de Irimia, onde nesta ocasión serán homenaxeados a título póstumo o escritor Xabier P. Docampo e Xosé da Flor.

A cita, na que nesta ocasión colabora o Concello meirego e a asociación cultural M de Meira, comenzará ás 12.00 horas coa lectura do manifesto a cargo do músico e escritor chairego Baldomero Iglesias, Mero, que inaugurará o acto.

Tras el, haberá varias intervencións e lecturas de comunicados da man de membros da Irmandade Manuel María, da asociación ecoloxista Adega, de representantes dos presos independentistas galegos e da asociación Avelino Díaz, entre outros colectivos que se sumarán.

O acto central será despois coa entrega das Mans de Irimia, esas esculturas xa convertidas nun símbolo e creadas unha vez máis polo artista meirego Manolo Pardo, na memoria de ambos homenaxeados.

"Todos os anos entregamos unhas Mans de Irimia a unha persoa en activo e outras a título póstumo pero nesta ocasión, cando xa tiñamos elixidos aos homenaxeados, resulta que morreu Xabier P. Docampo -o escritor chairego faleceu o pasado mes de xuño-", explica Alfonso Blanco, o responsable da Irmandade Manuel María e o coordinador da asociación cultural Xermolos, que destaca dos dous protagonistas a súa "bonhomía" e "nobleza".

"Consideramos que siguen con nós calquera dos dous porque nos deixaron unha obra moi viva e un exemplo moi digno", destacou Blanco Torrado. "Os dous son capaces de impactarnos. Xosé da Flor destaca porque a pesar da súa xuventude deixou unha grande herdanza, tanto no mundo creativo como audiovisual, pero tamén polo seu compromiso con Galicia e Xabier P. Docampo, igual. Ten unha obra impresionante, ao que se suma unha persoa xenerosa e solidaria", engade un dos grandes promotores desta cita, que destaca que ambos homenaxeados "naceron e medraron preto do Miño".

"Ao pé deste mesmo río recordarémolos nunha defensa do Pedregal de Irimia como o monumento natural que é", conclúe Blanco Torrado.

O programa de actos continuará ás 14.00 horas cunha comida nos cabanóns de Meira e ás 16.30 horas haberá música na Praza do Convento da man das Pandereteiras Nove Ferreñas de Meira e doutras agrupacións de música tradicional.

Os interesados en asistir ao xantar deben inscribirse antes do sábado chamando por teléfono aos números 646.41.38.90 ou 630.21.70.35. O menú, a base de pinchos, empanada, chocos, lacón, churrasco e viño terá un prezo de 22 euros por persoa.

A asociación M de Meira aproveitará a celebración para continuar coa recollida de sinaturas que iniciaron para que se lle poña o nome de Xosé da Flor á biblioteca municipal de Meira e para que o Concello lle outorgue o título de Fillo Predilecto.

Comentarios